Un meu amigo moi caro, José Luís Castro, doutor en Historia do Cine e catedrático de Comunicación Audiovisual na Unversidade de Santiago, tivo durante moito tempo como foto de perfil de WhatsApp unha súa na compaña de José Sacristán, froito da admiración que lle profesa. A mesma que eu, simple amador da sétima arte e do cinema español. Como non sintonizo o programa La Sexta Noche -non soporto a súa xeneralizada mala educación-, o pasado sábado non vin a intervención do grande actor no mesmo. Mais, á vista de que se foi convertendo en polémica noticia, procureina e vina na internet. Direi que non comparto, en absoluto, o seu parecer sobre o adiamento do debate monarquía/república, mais si a afirmación de que “Siempre hay por parte de Iglesias un cierto afán de protagonismo” -porque me parece obvio-, que foi o que deu pé a esa pregoada campaña de descualificación de Sacristán que, polo que vin, penso que foi interesadamente magnificada polos medios. Porque qué desprestixio -que non sexa o dos autores- pode supor a difusión de frases como estas: “La opinión de un actor... o sea de un don nadie [sic]”, “El de las pelis de ozores Que asco de vida [sic]”, “El actor que quiso ser Fernán Gómez y se quedó en...” Y yo digo que eres un malisimo y trasnochado actor”..., “A palavras loucas, orelhas moucas”, que diría un portugués.