Atrancos para a paz en Colombia

O  resultado adverso do referendo en Colombia é un novo atranco para a paz, e fortalece a dereita ligada aos paramilitares, representada polo ex-presidente Álvaro Uribe. O rexeitamento de gandeiros e sectores relixiosos complica aínda máis o panorama. Porén, estes non son o único muro para silenciar as armas definitivamente, xa que o acordo non abrangue a toda a oposición armada. O ELN sendo menor que as FARC, ten peso en zonas do país, e ademais unha pequena fracción das FARC non acepta o pacto. 
A maior incerteza que xera este proceso é a existencia de múltiples intereses contra a paz, por razóns ideolóxicas ou intereses económicos ligados á guerra, que poden converter en papel mollado calquera negociación coa guerrilla, como xa pasou en 1984. Daquela a oposición armada pactou co Goberno a creación dun partido, a Unión Patriótica, que tomou distancia da guerrilla. Os grupos paramilitares, co consentimento da dereita, asasinaron 8 congresistas, 13 deputados, 70 concelleiros, 11 alcaldes e rente duns 5.000 militantes que saíran da clandestinidade.   
Outro aspecto que non é secundario para a paz son as forzas paramilitares, un verdadeiro exército con fortes ligazóns co empresariado, tanto rural como do sector extractivo, con potencias estranxeiras ás que lles interesa a venda de armamento. 
Un circulo vicioso de intereses que se alarga a todas as esferas do Estado, dende os partidos ate o sistema xudicial e os medios de comunicación. Tampouco é unha cuestión menor os millóns de persoas que foron desprazadas pola guerra, inmigrantes forzados nos centros urbanos como man de obra barata, onde viven en condicións de miseria. Os acordos afectaría seus intereses, xa que as terras foron en moitos casos ocupadas por paramilitares, grandes terratenentes e mafias militares. 
O resultado da consulta pode significar o fracaso do proceso, mais tamén dar paso a novas negociacións e un pacto que garanta un maior consenso social. Que tanto o Presidente de Colombia como as FARC manifestasen que queren manter a paz, incorporando modificacións aos acordos se é necesario, é unha boa nova. Non é un obxectivo doado; hai moitos intereses en contra.

Atrancos para a paz en Colombia

Te puede interesar