40 ANOS DA REFUNDACIÓN DO ATENEO FERROLÁN

|

Este xoves 24 de marzo conmemoraronse os 40 anos da refundación do Ateneo Ferrolán. Este Ateneo é, como ben escribía o historiador e escritor Guillermo Llorca fai trinta anos, “un importante anaco da historia cultural de Ferrol”. Un Ateneo que é a herdanza directa dos vellos Ateneos ferroláns que existiron en Ferrol desde o século XIX. Unha entidade nada na nosa cidade no ano 1879. Diferentes etapas pero unha mesma dirección. Difundir e cultivar as ciencias, as letras e as artes e fomentar a nosa lingua e a nosa cultura. 
Atopámonos, sen dúbida, na etapa máis longa e probablemente a máis frutífera de todas. A cultura por riba de todo. Música, teatro, pintura, danza, fotografía, poesía, proxeccións, exposicións, coloquios, cine e un longo etcétera de actividades prográmanse diariamente no noso centro. Centro situado nun edificio do século XVIII do histórico barrio da Madalena e restaurado fai poucos anos e que da cabida a todas as nosas actividades así como a moitas actividades organizadas por outras asociacións que, precisamente, escollen o noso centro para realizalas por ser “un lugar de encontro para a cultura”, como ben di o noso lema.  
Con moito orgullo podemos falar da nosa Biblioteca-Hemeroteca. Especializada en fondos de temática galega e de Ferrol e do conxunto da nosa comarca e considerada de Especial Interese para Galicia e integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Composta na actualidade por máis de 10.000 volumes e na que podemos atopar, entre outras, cabeceiras completas únicas de xornais como a de Ferrol Diario-El Norte. Ademais de ser a única hemeroteca da comarca. 
Corenta anos desta nova etapa. Corenta anos dando continuidade ás nosas actividades. Corenta anos creando e xestionando cultura. Corenta anos sendo un referente cultural da nosa cidade e da nosa comarca. Corenta anos de portas abertas á tolerancia, a diversidade e a pluralidade. Corenta anos facendo certas aquelas verbas que escribira Llorca fai tres décadas: “Pero algo haberá para que a pesar de todo a semente prantada fai máis de cen anos continúe dando os seus froitos”. 
Fran Iglesias é membro da Xunta Xestora do Ateneo Ferrolán

40 ANOS DA REFUNDACIÓN DO ATENEO FERROLÁN