Esquecemento institucional da batalla de Brión

Vaise a cumprir un novo aniversario da batalla de Brión, onde as forzas británicas foron derrotadas en agosto de 1800. O Foro de Amigos de Ferrol quere lembrar esta vitoria conxunta das milicias da poboación civil e as forzas militares ferroláns sobre os invasores ingleses.
Desde o punto de vista institucional, o Concello de Ferrol nunca soubo celebrar de forma axeitada esta efeméride, como faría calquera cidade nun caso similar.
Porén, a nivel popular, cumpre salientar que desde o ano 2000 a Asociación Batalla de Brión ven a celebrar tódolos anos de xeito dino este feito singular da historia de Ferrol, mentres outras entidades intentan, con maior ou menor fortuna, facer unha recreación histórica do mesmo.
No contexto da guerra entre Inglaterra e España, aliada de Francia, tivo lugar o ataque inglés a Ferrol os días 25 e 26 de agosto de 1800.
A importante base naval de Ferrol era un obxectivo estratéxico para os ingleses. A forza británica, baixo o mando do almirante Warren e o xeneral Pulteney, tiña vinte buques de guerra e outros oitenta de transporte, cun total de 15.000 homes entre mariños e soldados, desembarcando máis de 10.000 deles entre a praias de Doniños e San Xurxo.      
No mediodía do 25 de agosto os atacantes foron avistados desde Monteventoso, tomando o Capitán Xeneral Francisco Melgarejo, e o Comandante Xeneral da praza, conde de Donadio, as necesarias medidas para a defensa de Ferrol.
As forzas do exército de terra e os infantes de mariña, xunto cos veciños de Serantes, A Graña e Doniños, enfrontáronse aos invasores nas alturas de Brión, defendendo a vila da Graña e o castelo de San Felipe.
No amencer do día 26 as forzas españolas tomaron posicións desde Serantes a Valón, iniciando as tropas do xeneral Pulteney a súa retirada, trala perda duns  1.200 homes, reembarcando as tropas e abandonando esa mesma tarde as augas ferrolás.
O desembarco inglés nas praias de Doniños e San Xurxo, máis coñecido como Batalla de Brión, está presente na memoria histórica de Ferrol, e foi tratado por numerosos escritores e historiadores, como Nicolás Fort en “Defensa de Ferrol en 1800”, Indalecio Núñez e Pedro Fernández en “El Coloquio de Brión”, Guillermo Escrigas en “Ferrol heroico”, Ramos Ardá en “El desembarco de Doniños en la documentación británica”, Santiago González-Llanos en “El ataque inglés a Ferrol en Agosto de 1800” e Fra Molinero na obra teatral “A batalla de Brión”.
Otros autores e historiadores como Montero Aróstegui, Couceiro Freijomil, Domingo Díaz de Robles, Fernández Varela, Francisco Suárez, José de Pato, Fernández Duro, Carlos Martínez-Valverde, Ricardo Nores, Hermenegildo Franco e Miguel Ángel Fernández trataron o mesmo tema en diversas circunstancias, revistas e publicacións históricas. 
O ano 1978 o escultor local Guillermo Feal esculpiu en granito un monumento alegórico, levantado no Baluarte de San Juan, lembrando aos defensores de Ferrol, onde aparecen representados de forma conxunta unha serie de diferentes atributos, tanto armas militares como útiles de traballo da xente do campo e do mar, simbolizando dese xeito aos defensores de Ferrol.
O ano 2000 colocouse no mesmo Baluarte de San Juan unha placa en recordo da celebración do segundo centenario da batalla de Brión.
Seguindo a pauta habitual de descoido dos representantes políticos do Concello cara a noso patrimonio cultural, a placa desapareceu do lugar onde se atopaba colocada.

Esquecemento institucional da batalla de Brión

Te puede interesar