ESMAGANDO ÓS MÁIS VULNERÁBEIS

Que unha e outra vez, o Goberno acuda ao Fondo de Reserva da Seguridade Social para pagar as pensións é preocupante, xa que pode facer realidade as previsións máis pesimistas, que auguran que en dous ou tres anos estará crebado o sistema. Non é unha cuestión menor. Na Galiza afectaría a 1/3 das familias, a persoas que non teñen ningunha posibilidade de confrontar un escenario tan negro, como consecuencias das limitacións físicas propias da idade.
O Goberno central non pode canear este problema botándolle a culpa á situación internacional, nen á oposición, tampouco ás autonomías e concellos, xa que as pensións e as relacións laborais son competencias exclusivas do Estado.
Aínda que este pretenda responsabilizar da dramática situación o medre do gasto, o certo é que a eiva está fundamentalmente na diminución dos ingresos. E, sendo certo que a taxa de ocupación é máis baixa e o número de pensionistas é maior, non se pode ignorar que hai anos que a maioría das pensións están a baixar como consecuencia de que non se actualizan en función do IPC, e polos descontos de IRPF.
É verdade que os novos pensionistas teñen ingresos máis altos que os que causan baixa, mais outro tanto pasa coas cotizacións, malia que a actualización dos salarios estea por debaixo do IPC.  
En realidade, o problema de fondo é que, ademais da perda de cotizantes e duns salarios máis baixos como media, o burato agrándase especialmente pola fraude nas cotizacións, alentada pola reforma laboral do PP.
En sectores como a hostalaría, a construción e moitos talleres, é normal que se traballen nove ou máis horas e se cotice por seis, e mesmo non son poucos os casos nos que se cotiza por unhas poucas horas á semana cando se traballa a xornada completa. Un fraude que engorda as contas de resultados de moitos empresarios, e que ademais é unha competencia desleal, que empurra a todos a facer o mesmo. Unha fraude que atenta contra os pensionistas actuais e os futuros.
Unha fraude na que o traballador e traballadora están forzados a colaborar se queren traballar. Unha fraude que consente o Goberno, e que amosa unha política insensíbel coas clases subalternas.

ESMAGANDO ÓS MÁIS VULNERÁBEIS

Te puede interesar