Días atrás o PP cualificou ao Alcalde como escravo e un refén do BNG. É curiosa esta intención de presentar ao rexedor como unha vítima xusto cando FeC e PP comparten o mesmo argumento para non renunciar ao contrato eléctrico.
E aínda máis peculiar é que o PP non xulgue como escravitude que o Goberno renove con Augas de Galiza o convenio para xestionar a depuradora que non funciona sen exixir cando menos ao Estado a súa reparación e os seus custes por entregala inservible. Que este Goberno non está condicionado polo BNG é obvio, xa que ante decisións como esta conta co apoio deste PP tan locuaz cos demais pero incapaz de aceptar a submisión a Madrid coa que gobernou os 4 anos pasados e que agora se alongou 12 meses máis. E é que o principal problema do escravo é asumir o pensamento do poderoso aceitando a súa situación con resignación sendo incapaz de cuestionar a súa submisión. E nisto, como se ve, tanto PP como goberno comparten unha psicolóxica dependencia madrileña.