MÚSCULO NACIONALISTA

AConvención Nacional para apresentar o candidato do BNG a presidente da Xunta foi unha escenificación de fortaleza, unha vez superada a marcha dunha pequena parte da organización, despois de que ficou en minoría na Asemblea Nacional. Máis de 2.000 persoas ateigaron o Pazo de Congresos de Compostela, mesmo había persoas sentadas nos corredores e de pe, que aplaudiron as intervencións que debullaron a difícil situación social, económica e cultural. Unha crise agravada por políticas de dereita que botan todos os custes enriba das clases populares.

Jorquera é un candidato sobrio, que non recurre á retranca nen á rexouba, isto posibelmente réstalle dotes de gran orador, mais ten un discurso programático, sen ambigüidades, polo que transmite seriedade e seguridade. Unha actitude repousada, que non renuncia á reclamación da soberanía nacional de Galiza, ou á necesidade dun banco público galego.

O BNG amosou que non perdeu músculo, senón que mantén unha militancia organizada e activa, moi vencellada á loita social e á problemática no eido da cultura e da lingua. Non deixa de ser un dado positivo, máxime cando o noso país pasa por momentos tan dramáticos, cun futuro incerto, dada a hexemonía política de partidos incapaces de desenvolver unha estratexia axeitada aos atrancos aos que nos enfrontamos. En calquera caso, os resultados veranse a medio prazo, porque esta é unha andaina na que a maioría social irá superando etapas, aprendendo da práctica, por mor do inmenso poder das clases dominantes en todos os campos, tamén no das ideas.

MÚSCULO NACIONALISTA

Te puede interesar