DENDE UN NOVO ABRIL

Instalouse a Primavera, coa súa promesa renovada de flores  e de froitos. Os Teatros en Madrid, moi acertadamente, celebran a Noite dos Teatros con descontos do 25% en tódalas funcións. A climatoloxía, segue sen facer valer as notas, ou moléculas de verán, que agocha xa na súa composición atmosférica. E a luz empeza a facerse plena, alta e longa coma a liña horizontal que transforma a vontade do horizonte. As praias, de momento, seguen a ser fronteiras, en espera de termómetros máis favorábeis.
Todo sucede, coa naturalidade dese tempo que persegue, poder alcanzarnos sen dar tregua, para esquivar as moitas feridas do vivido. Nalgunhas épocas, Abril servía para citar idades dun modo, máis ou menos, cursi. E moi ridículo, compartirán vostedes comigo. Pero hoxe Abril, é unha oportunidade para a esperanza. Para facer verdade todo aquilo que leva demasiado tempo sen ser atendido nin resolto. Quizais para poñer prioridades, dunha vez por todas. Vivimos, perigosamente, en desgoberno. 
E ante a provisionalidade, seguen  impoñéndose os criterios daqueles, que insisten en que non teñen responsabilidade, nin sobre as medidas que acordan. Europa está sumida nunha marea de medo, que medra con cada traxedia e cada acto de brutal barbarie. Pero tamén, as dramáticas traxedias humanitarias, seguen enquistadas no corazón dunha Europa, que tiña coma ideais a Liberdade, e a Igualdade entre tódolos seres humanos. Vivimos na pura contradición, persoal e ideolóxica. E cada día que pasa, asistimos abraiados á causas xudiciais que semellan eternas; a desbordamentos continuados dunha corrupción que non cesa; ao amor e desamor das (non) alianzas, para formar goberno... Chegou de novo Abril. Que sexa un novo horizonte de acordos, principios e valores. Que non sexa nunca,  a última fronteira.

DENDE UN NOVO ABRIL

Te puede interesar