ESTADOS DE ESTULTICIA E BARBARIE

O termo ‘bárbaro’ ten orixe onomatopeica. A súa significación, dito dunha maneira simple e sintética, alude á condición daquela persoa que balbuce, que vacila ao falar. Na súa concepción, nin dúbida cabe que existiu un ánimo pexorativo, ao nacer daquel que se sente civilizado fronte ao que non. A orixe do vocábulo remite ao grego, e o latín recollerao despois, servindo para designar a aqueles pobos alleos ás súas respectivas culturas e  linguas.
Estranxeiros que serían clasificados, a teor do seu ámbito coñecido, deste xeito: de raza amarela (avaros e hunos), de raza eslava brancos (sármatas e alanos) e non eslavos de raza branca (galos, iberos, xermanos e berberes do norte de África). De aí, o sentido definitivo que recollerá a palabra, consecuencia da consideración xenófoba que se tiña respecto a estes pobos estraños ao seu mundo grecolatino. A ligazón coa idea de incivilizado, de salvaxe ou de falto de educación –latente xa nun primeiro instante–, prevaleceu até os nosos tempos e é de uso común entre nós.
O motivo deste breve exordio é o de tentarmos reflexionar sobre o tremendo acto de barbarie cometido polo EI contra o museo arqueolóxico de Mosul días atrás. Porque arrogarse alguén, suxeito ou colectivo, a potestade da razón absoluta sobre o que el propio fai, convertendo en rexeitábel todo aquilo que o outro faga ou diga, podémolo cualificar (ética e criticamente) de acto absolutista, déspota, autoritario, radical e outros cualificativos semellantes. E se, alén diso, aínda se dá o propósito por parte deste suxeito ou colectivo de impor a súa propia vontade, anulando deste xeito a dos demais, mesmo chegando a tirar a vida dos que non pensen coma eles, até podemos afirmar que existe unha paranoia social que nos impide comprender que tales individuos pertenzan á mesma raza que a de nós todos.  
O berce onde naceu a nosa civilización, quer cultural quer relixiosa, é hoxe, infelizmente, lugar de carnizaría, matanza, masacre, hecatombe... O EI, nesa demostración de absolutismo bárbaro, degola, queima, destrúe aqueles seres que el considera infieis, e que comprende todo o territorio por onde xulga está estendida a súa fe. Detúrpanse e prostitúense, xa que logo, os mandatos do Islam e, en nome do mesmísimo Alá, perpetra a máis abominábel das violencias. Da maneira máis cruenta e horripilante elimina seres humanos, e agora, tamén, tenta borrar calquera vestixio de civilización que supoña para el paganismo, idiolatría ou outro tipo de relixión anterior, como a dos asirios, sumerios, babilonios, etc., previos pois á propia existencia do Islam.
As imaxes desta destrución gratuíta, da senrazón máis brutal leva a estes individuos a se creren donos desa verdade absoluta en que Alá é o único Deus e, non só, xa que xulgan que a súa relixión é a única válida. Liguémoslle a isto, ademais, o perigoso feito de que relixión e estado non están disociados nese mundo fundamentalista musulmán polo que avogan. Por conseguinte, a expansión do Islam é para estes fieis fanatizados, anulados por completo por ese dogma, a única e verdadeira razón que existe, o seu ‘modus operandi’, de modo que nin se ha de reparar nos medios para deste xeito conseguiren o seu fin.
Así que, unha punxente dor nos invadiu tan logo vimos o vil acto cometido no museo de Mosul, pois con el destruíase a nosa civilización. Varias imaxes nos viñeron á cabeza. Castelao, cando escribe: “Como chamariamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperábel (...)”; Irmán do Vento, novela de Manuel Lourenzo, cuxa acción transcorre en parte por esta área, pois arranca nas ruínas de Nínive, ás aforas de Mosul, cun arqueólogo como un dos narradores; e o exitoso Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio, encabezado polo bon amigo e profesor da UDC, J. L. Montero Fenollós, que tivo que ser abandonado por causa da guerra en 2011, após un ímprobo traballo iniciado en 2005.
A patoloxía social, semellante á que promove a brutalidade e devastación dos bens patrimonais polos fanáticos islamistas, puidémola ver en épocas precedentes, mesmo sen recuarmos demasiado. O nazismo fixo queimas de libros sistemáticas e confiscación e destrución de obras de arte que xulgaban dexeneradas. Mais noutros casos, a insensibilidade, a indelicadeza e até a propia barbarie teñen conseguido verdadeiras atrocidades. As tropas estadounidenses instaladas sobre as ruínas de Babilonia ou o Partenón de Atenas convertido en polvoreira polos otomanos e parcialmente esnaquizado en 1687 polos venecianos, son dous claros exemplos. Nin que dicir ten os estragos que os seareiros do Feyenoord acaban de cometer na Barcaccia de Bernini en Roma. A despropositada barbarie, á fin e ao cabo, é capaz de non estar moi lonxe de aquí tamén. Mais cómpre que sobre ela haxa cerco e control, alén de punición, sempre que acompañados de altas doses de educación, ora que real e comprometida.

ESTADOS DE ESTULTICIA E BARBARIE

Te puede interesar