Falsos autónomas e autónomas

egundo os dados estatísticos oficiais o número autónomos non deixa de crecer. Unha tendencia que forma parte do medre do PIB e do emprego, que antes o PP e agora o PSOE consideran unha bendición. Mais, aínda que sexa esporadicamente, e exista moita escuridade sobre o tema, vaise abrindo de vagar unha fiestra respecto das razóns deste rápido aumento. Concretamente as estatísticas inclúen moitos falsos autónomos/as. A este respecto a Inspección de Traballo obrigou a facer fixos en Coren a máis de mil “cooperativistas” de Servicarne. Unha decisión positiva, que viña precedida de dous anos de mobilizacións e denuncias, que deixaban ao descuberto a problemática.
O falso autónomo está presente noutras actividades: envío de produtos a empresas e casas, transporte de viaxeiros, e servizos de todo tipo. Falamos de milleiros de persoas, con seguro de autónomos, mais a plena disposición de empresas que só lles pagan o tempo de servizo efectivo, malia que as obrigan a estar dispoñíbeis durante dez ou doce horas ao día. Estamos a falar de subemprego, fraude á seguridade social, e criterios salariais á marxe de convenio. E con premios e penalizacións, impostos pola empresa, falsamente intermediaria, co obxectivo de super-explotar, aproveitando a alta taxa de desemprego e as condicións límite de moitas persoas. 
Neste aspecto hai que destacar tres características que coido esenciais. Moitas destas empresas da chamada economía colaborativa (vaia fraude!) teñen por detrás grandes grupos económicos, tanto internacionais como empresariais do Estado español. E utilizan seu poder para incidir en todas as institucións, tanto en Madrid como en Bruxelas, para impedir unha regulación destas actividades que garanta dereitos aos traballadores/as, ou para conseguir sentencias que co argumento da igualdade de competencia asegure os máximos beneficios (explotación). 
Resulta obvio a urxencia dunha regulación. Esperar a redactar un novo Estatuto como anuncia o Goberno, supeditado ao consenso entre as partes, pode adiar moito a implantación de condicións laborais que terminen cos falsos autónomos. Fará algo neste aspecto o PSOE, que sexa efectivo, xenérico e non circunstancial, e inmediato? Outra cuestión que non se pode ignorar é: cantos destes falsos autónomos pagan tarifas planas? Non é un tema menor, porque amosaría que, ademais de explotación, indúcense situacións de fraude, das que a única beneficiaria real é a empresa falsamente intermediaria. Se algo ten o capitalismo é inventiva

Falsos autónomas e autónomas

Te puede interesar