Excepcións

on hai moito, circulaba polas chamadas redes sociais un chiste referido a un futbolista de elite no que alguén preguntaba aos seus interlocutores algo así como se sabían onde pasara as vacacións o deportista citado. Despois de saíren a colación varios nomes de lugares, o narrador da brincadeira manifestáballes que o lugar onde fora era unha biblioteca. Perante a sorpresa dos outros explicáballes o motivo. Acudira a unha axencia de viaxes indicando que quería ir a un sitio ao que non fora con anterioridade. Como un deles era unha biblioteca, alí o mandaron. Dándolle voltas ao asunto, case habería que dicir que o asunto do chiste é máis que para rir para botarse a chorar. Porque, obviamente con esaxero, responde a unha triste realidade, como é a da falta de formación dunha alta porcentaxe dos deportistas de nivel. Estou convencido de que na xestación dese conto non debeu influír para nada ese mal tan español que é a envexa. Que a persoa, ou persoas, que fraguaron a historia non estaban posuídas por ese tan común defecto da personalidade que, segundo el, levaba a criticar a outro deportista de máximo nivel  por ser rico, guapo e bo xogador. A verdade é que non é doado chegar a ser un deportista de primeira liña compaxinando a preparación física coa intelectual. Todos coñecemos a dura vida que levan moitos rapaces e rapazas para seguir estudando cando chegan a determinados niveis de esixencia deportiva. E, desgraciadamente, moitos e moitas deciden deixar a formación en aras dunha boa preparación deportiva. Nalgúns países, mal que ben, van solucionando ese problema. Mais entre nós aínda se fai relativamente mal. Pasa tamén coas actividades artísticas de todo tipo.
É por todo isto que debo confesar que lin con satisfacción o artigo que sobre o exbaloncestista Sitapha Savané apareceu no diario El País. Malia que xa tiña coñecemento do seu posicionamento, reconforta ver como un deportista de elite, dun deporte dos máis practicados e seguidos en todo o mundo, mesmo superando os niveis do fútbol nalgúns deles, ten a clarividencia e o compromiso que manifesta o hispano-senegalés. É lástima que non haxa máis espellos como ese nos que se poida mirar a xente moza. 
Escoitalo falar de colonialismo, de vías de entendemento e colaboración con países africanos, das oportunidades que pode haber en África, de que poida haber quen se preocupe máis desa suposta invasión de inmigrantes que dos millóns que nos rouban... foi unha pequena delicia. 
 

Excepcións

Te puede interesar