Os Cantóns coruñeses nos días da Feira do Libro son lugar idóneo para bater con persoas amigas e/ou coñecidas ás que non adoitas ver habitualmente. Dígoo porque case sempre me aconteceu nos moitos anos que a frecuentei. E este ano, despois dun tempo sen deixarme caer por alí, non ía ser menos. Estaba a pique de me sentar para escoitar ao vello colega e amigo Lourenzo Fernández Prieto cando descubrín ao meu lado a amical figura do meu benquerido tocaio José Maria Monterroso Devesa, poeta que nunca convén perder de vista. Abofé. Había moito que non cadrabamos en ningures, entre outras cousas, porque o meu amigo decidiu vivir sen outonos nin invernos e iso levouno a morar medio ano no meu amado Montevideo. Quen puidera! Acabado o acto de presentación desa Historia dun pasado incómodo titulada Golpistas e verdugos de 1936 –que estou devorando– decidimos tomar unha cervexa e conversar de tantas cousas. O Uruguai, Montevideo e xentes de aló que aprecio e quero, principalmente. En Montevideo coincidimos José Maria e mais eu hai trinta anos e fixemos a viaxe de regreso xuntos, detalle que sempre recordamos.