Unha conxuntura complexa

cando algúns compañeiros pregúntanme sobre a valoración que fago do momento, sempre lles digo que os países centrais cada vez parécense máis aos da periferia, polo que a miña experiencia política na Arxentina váleme de moito. Naquel inmenso e rico país, empobrecido nas últimas décadas pola dependencia, os gobernos de dereita e as ditaduras militares, producíanse daquela e acontecen hoxe constantes cambios políticos e recomposicións partidarias. Sen que por iso devecese a fortaleza da contestación social, malia que a debilitase e lle restase capacidade para a conquista do cambio. 
Europa latino-americanizouse. Ten súa lóxica, a globalización neoliberal non podía ser un proceso exclusivo do ámbito económico, laboral, social e cultural, máxime cando vai ligada á precariedade laboral e ao medre da subordinación das nacións dependentes e neo-coloniais. 
Os donos do capital máis concentrado necesitan forzas políticas submisas, fracturadas, coas que crear maiorías institucionais débiles, dependentes das corporacións, esas que botan todos os días na Bolsa e deciden quen son protagonistas nos medios hexemónicos. É razoábel que sexa deste xeito, mais non é xustificación nen escusa para que a esquerda perdese contacto coa súa base social. Nuns casos, como na socialdemocracia, aceptando a cegas as regras do capital, hipotecando o futuro de maioría da poboación. E na esquerda antistemica porque navega entre aquela que fai unha análise mecanicista do marxismo, e outra que reproduce teorías anarquistas e non valora a importancia das mudanzas económicas e sociais na transformación da conciencia colectiva, e todo o supedita a acción individual, potenciando o subxectivismo. Daquela a perda de protagonismo da clase traballadora, do reforzamento do individualismo, de aparecer nos medios, dos/as “salvadores supremos”, a ignorancia de que a protestas laborais son a metade das mobilizacións. 
Neste contexto debese analizar a conflitividade interna de Podemos, e das confluencias. O afastamento prematuro e calculado de Compromis serviulles de antídoto (por canto tempo?). De como se resolva esta crise dependerá evitar unha maioría de dereita co apoio da estrema dereita, e do recuar que implicaría. Neste escenario débense entender as declaracións de Beiras respecto das candidaturas para as eleccións europeas, e o inmediato rexeitamento de Anova. Todo indica que buscou unha escusa para poñer a debate a reconstrución do nacionalismo para esta nova etapa, nun escenario en principio adverso e complexo.

Unha conxuntura complexa

Te puede interesar