GALDREXADA

A situación política actual do noso país non pode ser máis preocupante. Tódolos días recibimos novas que falan do mal entendemento entre os chamados pais da patria, eses que alguén chamou asemade “cranios privilexiados”. Con esta tropa, Romanones dixit, non sei onde imos a parar. Nos intres que estamos a vivir, non creo que un goberno de esquerdas sexa o máis conveniente, por moitas razóns: Non hai un lider destacado en ningunha formación, non se pode gobernar levando por bandeira un espírito vingativo que non beneficia a ninguén, volveremos a aquelo da herdanza recollida, ao ti máis, e a todas esas andrómenas ás que nos teñen afeitos e aburridos os malos gobernantes. A min persoalmente a idea dun goberno formado por toda esa xente de esquerda seméllame unha galdrexada, de aí o título, que non vai funcionar, tempo ao tempo. (Unha galdrexada, tamén se di galdrumada, é segundo o Dicionario Xerais da Lingua unha comida mal feita con moitas cousas mesturadas e de mal aspecto). Eu avogo pola continuidade, si o señor Rajoy, cos seus erros que foron moitos, foi quen da amañar a economía por arriba (disque), deixemos, mellor exixámoslle que a amañe agora por abaixo, que boa falta nos fai.
As eleccións non aportaron nada, pola contra so alborotaron o galiñeiro creando a situación actual de desgoberno e de inseguridade que está arruinando o país, Para saír do bloqueo no que estamos, eu propoño que, en vez de convocar novas eleccións que serían máis do mesmo, se faga unha enquisa a nivel nacional propoñendo os aspirantes máis sobranceiros para presidir o executivo. O que gañe será o encargado de formar goberno, en solitario ou coas coalicións que considere conveniente. Os outros, por coherencia pasarían a formar unha oposición leal que pense soamente nos intereses supremos do país. Non se me oculta que isto non está na constitución pero a grandes males grandes remedios e esta paréceme a min unha solución axeitada que podería desfacer o nó gordiano que nos afoga cada día un pouco máis.
Esta proposta que tería que ser aprobada a priori por tódolos partidos, ten por riba a vantaxe de que custaría moito menos cartos que a repetición das eleccións xerais, que non está o alcacén pra gaitas.
Por certo, os votos a favor de Franco, Carrillo, Aznar, González, Zapatero...etc que seguro que os habería, deberán considerarse nulos.

GALDREXADA

Te puede interesar