Cando Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta a política lingüística e cultural desta variou de forma substancial. A normalización e o galeguismo cordial da etapa de Fraga deixaron de existir. E comezou un proceso de castelanización acelerado e o abandono das axudas anteriores para a promoción da lingua e cultura galegas. A crise económica do sistema financeiro, coas tesouradas propias do neoliberalismo, non produciron outro efecto que a profundización da política desgaleguizadora de Feijóo.
Nunca desde os tempos medievais primixenios estivo tan en perigo o carácter maioritario da nosa lingua como agora, coas principais institucións gobernadas por un partido nacionalista español, que reflicte os afáns recentralizadores e linguicidas da fundación Faes que o inspira.
O medio rural en declive, a poboación moi avellentada, os poderosos medios de comunicación de masas emitindo e publicando avasaladoramente en castelán, a escola concertada castelanizada e a pública en proceso, constitúen unha grave ameaza para o futuro da nosa lingua.
De todos os xeitos, a política de normalización litúrxica seguida no longo período do político vilalbés e tamén no do bipartito, na práctica, carteceu de resultados positivos.
Non se puideron nen sequera conservar as porcentaxes de galego-falantes, ainda que se gastaron importantes cantidades de diñeiro público en actividades de promoción da lingua, como publicación de libros, departamentos de normalización nos centros educativos e actos culturais. Cando menos un sector da poboación puido vivir ou realizar actividades en base aos orzamentos públicos.
Mais esas accións non axudaron a que a lingua aumentase o seu prestixio entre galegos e galegas. Polo xeral, non incidían na vida cotiá da cidadanía –a miúdo nin se pretendía–, nin eran percibidas por esta como sentidas e auténticas. Sabíase, por exemplo, que locutores da RTVG co micro cerrado se expresaban no idioma do pequeno imperio. E a perspectiva folclórica de cargos políticos o “Día das Letras Galegas”. Esa normalización era máis que nada unha confirmación e posta á vista da diglosia social que padecían moitos dos mesmos normalizadores.
A organización maioritaria do nacionalismo galego prestouse a este tipo de xogos de impostura, acostumando a sectores afíns a vivir e a traballar só polas subvencións. Tamén a intelectualidade oportunista e pesebrista, de grande tradición na Galiza, tamém se afixo a esas prácticas. Se callar os poderes públicos e autonómicos as apoiaron economicamente coa condición de que non se cuestionase o isolamento e a rexionalización da nosa lingua, e a súa conversión nunha especie de castrapo a nivel ortográfico, léxico e semántico. impedindo a súa integración no portugués, como pretendía orixinalmente a Real Academia Galega.
Porén, entre tanto isto acontecía, unha interesante rede de centros sociais e de entidades reintegracionistas, como a AGAL, se desenvolvían sen apoios oficiais. Após o período fracasado da normalización subvencionada, o galeguismo reintegracionista, auténtico e desinteresado, fica como a única alternativa certa para lle ofrecer viabilidade, prestixio. utilidade e dimensión internacional á nosa lingua galego-portuguesa.