Luns, 13 de xuño de 2016

Neste día dous acontecementos sobranceiros pra rachar coa monotonía da xubilación. Por orde cronolóxico, as tres da tarde o debut da Roxa na Eurocopa 2016 e as dez da noite o debate a catro entre os líderes dos partidos políticos, ¡eses cranios privilexiados! O partido gañouno España con moito traballo, por non dicir que o gañou Iniesta, un magnífico xogador e unha gran persoa, sen presuncións nin fachendas excesivas, como algúns “chisgarabises” ben coñecidos por todos. Co gol de Piqué desatouse a euforia, xa veremos como lles vai nos próximos encontros. Anque teño as miñas reservas á hora de xulgar o mundo do fútbol e sobre todo con certos presidentes, adestradores e futbolistas, desexo para a Roxa o mellor. Por certo, non sei a quen se lle ocorreu este apelativo. ¡Ai! se Don Claudio, o prócer da rúa María de Ferrol, erguera a cabeza! O outro acontecemento tivo catro protagonistas principais. Dous presentáronse moi correctamente vestidos con chaqueta e gravata como manda o protocolo e esixe a educación, outro entre Pinto e Valdemoro, con chaqueta pero sen gravata, e o da coleta en mangas de camisa como é habitual nel. Aínda non sei o que quere demostrar este home con este xeito de presentarse en ocasións transcendentes, a ver se algún día o explica. Estiven moi atento aos xestos e ás palabras pero só escoitei máis do mesmo a uns e a outros. Non sei o que vai pasar o 26J , pero á vista do debate, seguiremos co mesmo desgoberno e isto non o pode aturar máis o país. Algunha solución haberá porque nunhas máis que hipotéticas terceiras eleccións en decembro todo vai seguir igual. Agás Rajoy, que como é lóxico defende a súa xestión, a todos se lles enche a boca falando dun cambio que semella que é romper con todo establecido durante tantos anos. Craso erro ao meu xuízo, déixense de andrómenas e dedíquense, goberno e oposición, a mellorar o que funciona ben que é moito e a corrixir o que está mal que tamén é moito, centrándose no paro e na corrupción que son as dúas eivas mais importantes que temos no noso país. Por riba, á vista de como están as cousas, un goberno saído desta situación de totus revolutum, non semella ter moita consistencia. Malia a que din que o que da consellos non da pan, aí vai un para rematar: Miren ben o que votan, non vaia ser que saiamos de Málaga e nos metamos en Malagón.

Luns, 13 de xuño de 2016

Te puede interesar