O CARBALLO DE NOVONEYRA

Sen ánimo de desmerecer outras árbores senlleiras, acho que o carballo é a árbore por excelencia da nosa flora autóctona. Houbo tempos nos que as carballeiras, o mesmo que os soutos, enchían boa parte do territorio galego.
Desafortunadamente, nos séculos XVII e XVIII, cortáronse carballos a esgalla para facer carbón vexetal. Máis adiante, coa chegada do ferrocarril, produciuse unha grande tala para facer travesas para as vías. Para lle dar o golpe definitivo chegou a repoboación forestal a base de eucaliptos.
Felizmente en Ferrol medra vizosamente un carballo traido d´O Courel. Foi plantado nos xardíns do Campus Universitario de Esteiro no mes de maio de 2000 en homenaxe a Uxío Novoneyra. Hoxe, aniversario da morte do grande poeta, aproveitarei para visitar o seu carballo e reler o fermoso libro de Xulio L. Valcárcel O escano baleiro. No Courel con Uxío Novoneyra. Saúde e traballo! 

O CARBALLO DE NOVONEYRA

Te puede interesar