O cacique

|

Quizá haxa quen descoñeza que a palabra cacique é oriúnda de alén do Atlántico, que quedou definida co paso do tempo a definición dunha persoa dunha comarca, ou provincia, que exerce excesiva influencia en asuntos políticos e sociais. Curiosamente, aínda que foron os españois quen popularizou a palabra, os galegos fomos capaces de darlle o significado actual até forzala con sufixos e derivacións. Todo un éxito lingüístico que nunca será ben pagado.

O Baltar Pumar definíase el como cacique bo, que ven ser o mesmo que falsificador legal ou subir abaixo, un contrasentido total, pero que en territorio galaico, país de contrastes, é o máis normal, porque aquí heroes políticos son case todos, e máis nas chamadas provincias interiores, onde se descende case douscentos anos no tempo.

Non entendo o motivo de por qué foi unha denuncia do PSdeG a que vai levar ao aínda todopoderoso Baltar ante a xustiza, por un asunto tan galaico como enchufar nun posto público a un familiar ou a cen. O normal sería que a demanda partise de Feijóo e do seu sector político, que se viu incapaz de vencer ao trompetista de Ourense nunha guerra de guerrillas na que se desenvolve de marabilla o ex cobrador de autobús fronte á armada e tropa pesada da que dispuña o presidente da Xunta. Se só foron 115 votos os necesarios, o amigo do trombón venceu habilmente para asegurar un posto de traballo ao seu fillo.

Se se trata de familia, que pai galaico non faría todo o posible porque o seu fillo teña un futuro económico de posibles? En esencia, iso foi o que fixo Baltar Pumar, quen tamén atendía as demandas laborais dos seus votantes fieis, non fose a ser que perdese un sufraxio ou varios por aflorar un descendente de poucas luces e non houbese un posto de traballo para el, pois nada, creábase e punto, ou “feito”, que era a súa palabra favorita.

Recordemos aquelas famosas oposicións á Deputación ourensá con centos de prazas en concurso, algunhas das máis complexas que existían e de requisitos case imposibles de cumprir excepto para unha persoa. O entón delegado de Cultura da Xunta na provincia baltariana presentárase ás anteditas probas e gañou, loxicamente. Descoñezo se segue realizando o seu labor na institución provincial ou foi chamado a outros ministerios.

Houbo quen soubo desas oposicións e foi pedir recomendación para superalas, sabendo que por moito estudar e coñecer do temario non ía pasar a proba. Produciuse pois un choque de caciques entre Baltar Pumar e o benfeitor do aspirante accidental, que acudiu amparado polo aparello de San Caetano, pero non houbo maneira e iso que se negociaron até tres prazas para contentar a todos.

O cacique