De temporais e empatías

|

Foi unha semana dura. E sobre todo triste. Con demasiadas partidas demasiado pronto, e moita dor sentida que habitaba nos ollos e nas almas de persoas moi queridas.
Foi un tempo de choivas e de grises, o que acrecentou a sensación de melancolía e infestou, aínda máis, o longo borde aberto das feridas. Sufrir por empatía é unha práctica que, os meus mecanismos afectivos, poñen en marcha con aquelas persoas que camiñan descalzas polas miñas emocións e pola miña vida.
Foi tempo de reconciliarse cos versos e a palabra. Foi tempo de compartir amor, emoción, esperanza e tenrura. Máis cando saíu o sol, todo seguía aí. A nai superiora da congregación transferindo misais, e toda a orde relixiosa-familiar, clase superior, ríndose cinicamente do conxunto dos mortais. Os reis eméritos intentando colar á infanta, a que nunca soubo nada, pola porta de atrás das axendas oficiais.
A corrupción que non cesa e que cada vez apunta máis alto e con maior definición. E a loita a morte nas Primarias...Hai partido, dixeron algúns ao coñecer os resultados dos avais recibidos polos candidatos Socialistas. E iso sucede porque hai Partido, estrutura formada por militantes con voz e voto, donos e señores verdadeiros de todo o chiringuito, o que é garantía de que calquera cousa puidera suceder.
O medo que algúns proclaman á ruptura e desaparición do partido, é o recurso habitual dos que temen que non lles pinte ben para os seus intereses persoais. O medo ao cambio é un sinal evidente da perda de convicción na capacidade transformadora, que debe definir a unha organización de esquerdas. Novas propostas para novos tempos. Despois das tempestades, sempre chegaron as calmas.

De temporais e empatías