Teño que recoñecer que desde que era un meniño nunca me gustaron os médicos e cando a miña nai tiña que levarme a eles e despois aos ATS, xa que nos meus tempos de neno daban todo quer por supositorios quer por inxección, o traxecto que ía desde a miña casa ao consultorio, miña nai tiña que recorrer a todo tipo de artimañas para poder levarme. Conto isto porque este próximo 7 de abril é o Día Mundial da Saúde, algo que desde hai moito tempo se converteu nun gran nicho de negocio sobre todo, para as multinacionais farmacéuticas. Porque un non para de sorprenderse cada vez que vai ao médico (intento ir o menos posíbel) a cantidade de xente que hai no ambulatorio, para toma de medicacións crónicas.
Medicacións como por exemplo o afamado Sintrón, autentico veleno que, polo visto, antes da súa aparición, a xente debía morrer a destro e sinistro. A realidade é que este medicamento convertido polo marketing en panacea, en moitos países do noso entorno ademais de receitalo con moito coidado e en contadas ocasións, polos gravísimos efectos secundarios que ten, xa é substituído por novas medicacións menos agresivas.
Hoxe en día vivimos nun mundo onde o marketing o é todo e nisto estas industrias son autenticas expertas en vender os seus produtos. Medicamentos como por exemplo o Prozac, a famosa pastilla da felicidade, da cal hai escritos ríos e ríos de tinta sobre as súas excelencias e non paran de saír o seus grandiosos beneficios nos mass media. Máis o maior éxito deste tratamento foi que as accións en bolsa da farmacéutica que o patentou, dispararanse da noite para mañá. O tempo demostrou que non era mellor que moitos outros antidepresivos, iso si, máis baratos para o sistema sanitario. Ou por exemplo os novos neurolépticos, os cales prometen grandes melloras e menos efectos secundarios. Estes tratamentos véndense a prezos desorbitados.
A realidade é que non son mellores en relación beneficios-efectos secundarios que os neurolépticos de mediados do século pasado, sendo estes moito máis accesíbeis economicamente para o noso sistema de saúde.
Porque, como dicía antes, estes craks do marketing tanto sacan unha pastilla revolucionaria, como inventan unha nova enfermidade. Cabe lembrar aquelas gripes, tanto aviar como porcina, esta última até un escolta do presidente afroamericano (99% yanki-1 por cento afro) a collera na súa visita a México. Estas enfermidades convertidas en pandemias pola industria farmacéutica e a clase política dominante, ían supor unha ameaza para a raza humana, o que fixo, que os gobernos mercaran millóns e millóns de vacinas con diñeiro público. A realidade demostrounos que morren mais persoas soamente na Galiza por gripe común todos os anos, que mortos no planeta por calquera das dúas gripes mencionadas.
Máis é xusto dicir que estas industrias que converteron a saúde no seu nicho de negocio, fan o que fan coa colaboración e beneplácito da clase política e do corpo médico e aínda que neste último xeneralizar non sería xusto, é certo que son colaboradores necesarios destes auténticos delincuentes de luva branca.
Porque os nosos sistemas de saúde, hai moito tempo que se corromperon coas falsas bondades destas industrias, as cales, desde xa vai moitas décadas, non investigan para curar as doenzas, senón que investigan para cronificalas e así faceren máis negocio.
Non fai moito nun xornal deste país, viña a nova de que o goberno da Xunta ía investigar como mais de 15000 persoas maiores en Galiza, estaban a tomar mais de dez pastillas diarias para aliviaren as súas doenzas. Un pregúntase: como é que desde xa vai moitos anos, sabendo como sabemos de hábitos de saúde beneficiosos, cada vez hai máis xente que, levando un estilo de vida saudábel en todo o seu traxecto vital, necesita múltiples medicacións ao chegar a certa idade?.
Xa para rematar un concorda co que di moitas veces un popular cociñeiro das televisións, refírome a Carlos Arguiñano: que o mundo o gobernan os malos. Dígoo porque o poder político polo menos neste país, oculta nos que centos de milleiros de persoas morren no mal chamado primeiro mundo todos os anos por culpa dos efectos adversos das medicacións, sen contar os mortos por culpa da man aberta dos psiquiatras á hora de receitaren as súas drogas, as cales xa deixaron máis vítimas que a historia das drogas ilegais ou os mortos e gravemente enfermos por culpa dos esteroides anabolizantes e hormonas, sendo este un problema de primeira índole, o cal se ten oculto e se está a converter nun novo holocausto contra a nosa xuventude.
En definitiva, este día mundial da saúde debe servir de data para empezarmos a coller un estilo de vida saudábel quen non o tiver e cando non teñamos máis remedio que ir ao médico, á hora que nos digan que temos que tomar un determinado medicamento, non facer actos de fe e pedirlle que nos demostre porque debemos tomar esa medicación.
Mentres tanto, unha peza de froita antes de ir para cama e un gran vaso de auga na mesa de noite para beber, san remedio das nosas avoas, para termos o médico lonxe da casa.