Código de dignidade médica

Convocados pola Coordinadora Galega de Atención Primaria, todas as categorías laborais deste Servizo Galego de Saúde están chamadas a secundar un paro que ten como obxectivo petar na responsabilidade institucional do goberno galego, xordo diante do berro profesional, para reverter os problemas que afrontan estes sanitarios que procuran así unha demostración de dignidade para un servizo básico e fundamental na atención á cidadanía usuaria da Sanidade Pública. É, como símbolo metafórico, un exercicio da norma de ética profesional ou Código de Deontoloxía Médica que asumiron defender, coa fiscalización da súa organización colexial, en beneficio das persoas. Herdeiro do histórico “xuramento hipocrático”. 

Emporiso, aquí e agora búscase algo tan simple como é sentar á mesa do diálogo negociador aos dirixentes da administración sanitaria galega para acordar unha máis grande dotación orzamentaria que favoreza á prestación dun servizo de mellor calidade no seu ámbito de atención á saúde, de tal xeito que nun razoable prazo de cato anos os recursos para Atención Primaria representen unha cuarta parte do total xestionado polo Sergas. Algo ben lóxico e xusto.

Entre os cinco puntos do seu panel reivindicativo, os sanitarios coordinados, inclúen a demanda de creación dunha Xerencia de Atención Primaria, en pé de igualdade coa de Atención Hospitalaria con capacidade para planificar e xestionar o presuposto e os recursos humanos propios. A isto, engádese o pedimento de realizar unha convocatoria urxente para dotar do persoal imprescindíbel en todas as categorías deste nivel de servizo na atención sanitaria, eliminando para iso a taxa de reposición actualmente imposta de xeito que podan diminuírse as “ratios” de pacientes que actualmente malamente poden atender coa debida observación.  Polo que atinxe ás condicións de traballo, ínstase a modificar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial, o nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito Sergas, e melloralo.

Non esquecen reclamar unha solución para o problema dos Puntos de Atención Continuada, coa garantía de acadar unha prestación asistencial segura e de calidade. A pelota está no tellado da Xunta que suma conflitividade no sector por todos os currunchos, cunha poboación que sitúa no barómetro sanitario os grandes fracasos da xestión:  Lista de agarda para ser atendidos, masificación das urxencias sanitarias, o pouco tempo que poden dedicar os médicos aos pacientes nas consultas, a duplicidade do pago nos medicamentos e aínda moito máis. Razón para mudar de política. Tamén podería dimitir alguén.

Código de dignidade médica

Te puede interesar