Na miña época “Miudiño”, neste xornal do que son adepto, tiven un antagonista teimoso, sobre todo en choios referidos a Neda (el era de “Jubia”, (sic), cun sentimento tribal, que de ningunha maneira recoñecía hexemonía ao concello que vén sendo o noso). Mantiveramos unha certa polémica que non podía ir alén da nosa amizade.
Queríamonos ben e nesa condición parolabamos en encontros nos bares da Toeleira ou do Portazgo, os nosos terreos comúns. Brincallons como éramos cheguei a nomealo “Marqués de Jubia”, e el dicía que como un republicano ousaba aplicar cargos de nobreza.
Luísiño, grande. Namorado da natureza, muíñeiro por razón do seu matrimonio con Manolita, dos Carrizos, esa estirpe de ben nacidos que fixeron de Neda berce e factoría do mellor pan do mundo (si, xa sei que son hiperbólico, a min tamén me move a parcialidade). A que sinto por Luís, quen vén de se nos ir, deixándonos como herdanza a súa bonhomía, o seu sorriso de trasno bo e viaxeiro, aínda que non máis se movese polo seu mundo, o noso, o que limitan a ponte de Xuvia e o Puntal, ao abeiro de Ancos e da Louseira.
Luis, ademais, era racinguista. E no seu auto derradeiro, varado xa na Toeleira, eu vía a bandeirola do Racing a tremer. Como trema hoxe o meu sentimento polo amigo que lá vai, onde os anxos bos, os tribais, os que aman onde naceron, co aquel de lealdade que levaba Luis Bajo Cao, dos “Mateos” da costa de Xuvia, no corazón.