NA MEMORIA DE JUAN ANIDO, ENLACE DA GUERRILLA

Cando entrei por primeira vez na casa de Xoan Vázquez Loureda, máis coñecido como “Juan Anido” non me podía imaxinar que aquelas tardes de conversación, ían supoñer un dos episodios máis enriquecedores do meu traballo pola recuperación da Memoria Histórica a  través das Biografías Obreiras de Ferrol.
Juan Anido naceu en Meá, Mugardos o 22 de maio de 1922. Cando o coñecín era un home miúdo e de aspecto aparentemente insignificante, non obstante dende o primeiro momento a súa mirada profunda e firme transmitiume a determinación de quen en plena ditadura tomara a decisión de colaborar activamente con aqueles homes que loitaban contra o fascismo, os guerrilleiros antifranquistas. Nos seus anos mozos, estableceu contacto co anarquismo militando nas Xuventudes Libertarias xunto ao seu amigo Paco Filgueiras, se ben co tempo foron evolucionando cara ao Partido Comunista. En 1936 cando os militares se sublevaron e protagonizaron o golpe de Estado, Juan Anido participou na defensa de Mugardos levantando barricadas contra as tropas falanxistas e a Garda Civil que chegaban dende Ferrol. Aclaroume que foron delatados, pero ao ser menores de idade non os fusilaron, “a tiranía do medo e do terror instalou-se en Mugardos a base de execucións sen xuizos”. Naqueles anos de postguerra Juan Anido coñeceu a Carmen, a que ía ser a súa esposa e compañeira. Cunha memoria prodixiosa e con rigorosa precisión foime debullando a súa vida. O seu primeiro contacto coa guerrilla foi a través dun veciño chamado Soto, militante do partido comunista e antigo militar republicano que acababa de chegar da Unión Soviética coa misión de organizar as guerrillas na zona. Esa noite catro guerrilleiros armados –un deles Soto–entraron na súa casa e explicáronlles a Juan e á  Carmen as razóns da súa loita e dende ese momento a súa casa serviu de punto de apoio para a guerrilla.
Nun ambiente intimista e xa anoitecido, ao escoitalo observeino e vin a súa mirada firme como traspasando o tempo, Juan estaba a rememorar eses episodios e o dramático de-senlace que lle sucedera a moitas das persoas que acollera na súa casa, entre eles a Francisco Pena Leira, o famoso “Pancho O Guerrilleiro”.
Aclaroume que moitas outras persoas de Mugardos colaboraron coa guerrilla destacando o caso dun médico chamado don Manolo, que fora desterrado de Madrid “nunha ocasión levei ao doutor ata un monte para curar un guerrilleiro que feriran de bala nun ollo e fíxolle ás primeiras curas”.
Ao precisar que un especialista lle baleirase o ollo, Juan Anido levou nun bote  ao ferido a un oculista a Ferrol, quen o atendeu a sabendas que era un guerrilleiro. Foron anos “ao servizo deles para todo” comentaba con sinxeleza, por iso tras “pasear” a Garda Civil en Catabois ao seu primo Francisco Loureda, a Florentino Igrexas (pai de José Manuel Iglesias) a Xosé Fuentes e a Antonio Martínez,  “os guerrilleiros liquidaron en Xubia ao tenente Torres cruel e famoso por pasear a tres de Mugardos e a un de Ares”. A consecuencia dese feito a Garda Civil irrompeu na vivenda de Juan Anido e Carmen Filgueiras, cando nese momento se achaban dous guerrilleiros escondidos logrando estes escapar. A implicación de Juan Anido e Carmen quedou patente cando lles pediron construír un zulo de tres metros cadrados na propia adega da súa casa para albergar a cinco guerrilleiros e a pesar do enorme risco que implicaba non o dubidaron.
Para dispoñer dunha vía de escape excavaron un túnel que cruzaba a tres metros de profundidade a estrada que vai de Ferrol a Mugardos “así salvaron a vida dous Buzos e Julián de la Rosa, un madrileño que chegou dende a Unión Soviética, experto en comunicación e que tiña unha emisora nas Fragas do Eume. Nese zulo instalouse unha multicopista para a elaboración de propaganda antifascista que tanto Juan coma Carmen se encargaban de distribuir en Ferrol.
Moitos foron os guerrilleiros que pasaron pola súa casa para xantar, descansar, provisionarse e tamén para refuxiarse ante o acoso das forzas represivas golpistas, entre eles recorda a Pancho, a Galloso, a Ferreirín e a  Moncho Rey Balbis, o xefe dá IV Agrupación Guerrilleira. Recordaba que un día do mes de xullo de 1951 ás seis da mañá unha brigadilla da Garda Civil rodeou a súa casa e tras rexistrala non lograron encontrar o zulo, por ese motivo emprendérona a golpes con el “zumbáronme de carallo”.  Á súa esposa Carmen levárona ao cuartel da Garda Civil e finalmente tamén a Juan xunto a dúas mulleres tamén apresadas por colaboracionistas, quedando presos no Concello de Mugardos, despois trasladados a Capitanía e finalmente o 18 de xullo de 1951 ingresaron no cárcere de Ferrol e posteriormente na prisión de Coruña, en total nove meses detidos, esperando o Consello de Guerra. Tras a celebración deste a Juan Anido saíulle unha condena de trece anos no penal de Burgos; outros dos cen procesados foron ao penal de Dueso en Santander “moitos deles, obreiros da Bazán”. Da súa estadía no cárcere recorda que en Burgos a poboación carceraria era de cinco mil homes.
Xoan Vázquez Loureda, foi un home comprometido cos valores da República e a democracia.

Ton Blanco é colaborador da Fundación 10 de Marzo do SN de CCOO de Galicia

NA MEMORIA DE JUAN ANIDO, ENLACE DA GUERRILLA

Te puede interesar