E xa van aló cincuenta anos

Hai algo máis dunha semana que se fixo público o fallo dos Pedróns de Ouro e de Honra emitido polo padroado da fundación do mesmo nome, que, seguindo a tradición instaurada hai medio século, se entregarán na Casa da Matanza de Padrón, Casa Museo de Rosalía, ás 12.30 da mañá do domingo 18 de maio no transcurso dun acto literario no que actuará como mantedor o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Co Pedrón de Ouro preténdese resaltar personalidades ou entidades vivas e residentes en Galicia –que non só galegas de nación– que se destacaran na defensa e promoción de calquera das facetas da cultura galega. O Pedrón de Honra dedícase a premiar unha persoa ou institución –galega ou non– residente fóra de Galicia e que contribúa ó progreso da nosa terra e dos nosos sinais de identidade.
Os galardoados do presente ano 2014 foron o Museo do Pobo Galego, Pedrón de Ouro, e a arqueóloga portuguesa Teresa Soeiro, profesora de Arqueologia e Etnografia na Faculdade de Letras da Universidade do Porto. A profesora Soeiro entrou en contacto directo con Galicia en 1978, cando participaba nas escavacións de Monte Mozinho. Alí foi introducida en institucións galegas como o Museo do Pobo Galego (do que é socia e colaboradora) ou a Universidade de Santiago e a partir dese momento participou en traballou arqueolóxicos de diferentes lugares de Galicia, como Rande, Castro Mao, O Neixón ou Baroña.
O padroado do Pedrón de Ouro, no cincuentenario da súa fundación, quere distinguir, coa concesión do seu máximo galardón, o compromiso do Museo do Pobo Galego co patrimonio histórico-antropolóxico e a súa condición de centro sintetizador da rede de museos etnográficos de Galicia. Creado en 1976, o Museo do Pobo Galego viña, por fin, dar resposta á vella aspiración de que Galicia contase cunha institución que recollese, conservase, divulgase, defendese e promovese as manifestacións máis diversas da cultura tradicional galega. Xurdiu da sociedade civil nuns momentos en que os profundos cambios sociais, económicos e ideolóxicos que se estaban producindo poñían en serio perigo a pervivencia da cultura popular. Nacía co propósito de converterse –como así sería– nun referente da identidade galega que, con carácter dinámico, lle mostrase ós propios galegos a cultura xerada polo pobo e ós non galegos como se foi conformando a personalidade histórica de Galicia. Así mesmo, pretendía tamén dar continuidade ós propósitos do Seminario de Estudos Galegos que se viran interrompidos polo levantamento militar de 1936, a guerra e os moitos anos de ditadura franquista. Nesta liña, a participación na fundación do Museo de antigos, activos  e destacados membros do Seminario como Ramón Martínez López, Filgueira Valverde, Antonio Fraguas ou Xaquín Lorenzo lexitimaba a nova institución.
O Museo do Pobo Galego ven poñer o seu nome ó caron de persoalidades do mundo cultural galego que no seu día co Pedrón de Ouro (premio de recoñecido prestixio) como Fermín Bouza Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero, Xesús Alonso Montero, Ramón Piñeiro, Victoria Armesto, Francisco Fernández del Riego, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Valentín Paz Andrade ou como, en anos máis recentes, Camilo Nogueira, Bernardino Graña, Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, Antía Cal, César Portela e Manuel Gallego Jorreto, Lidia Senra, Mini e Mero, Nova Escola Galega ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

E xa van aló cincuenta anos

Te puede interesar