Espléndida homenaxe

|

Non che podo dicir máis, pero este ano tes que ir ás Meninas de Canido, vai haber algunha sorpresa interesante”. Isto foi o que me dixo un vello amigo ao que atopei unha tarde de comezos de agosto pola coruñesa Feira do Libro. Tiña visto murais de Meninas en diferentes ocasións, mais nunca me cadrara achegarme polo bairro en días de festa velazquiana. E aló fun. Sorprendeume a chea de xente que por alí había -así me costou tanto aparcar-, mais non era esa a interesante sorpresa prometida, senón a exposición nun panel dunha excelente fotografía dunha particular “Fragua de Vulcano”, obra de Xurxo Lobato. Unha homenaxe, ao tempo que a Velázquez, a Isaac Díaz Pardo -con seu pai Camilo incluído-, xa que os protagonistas retratados non son outros que dous fillos, dous netos, un neto político e un bisneto do irrepetible fundador de Sargadelos. Fiquei pampo, coa idea e coa súa atinada plasmación nesa tremenda foto tirada en fragua das vellas ferrarías que hoxe albergan Exponav. Díaz Pardo, ademais de fraguar materiais terrosos e algún que outro metal, xenialmente, ideou, discorreu e trazou -que iso tamén é fraguar- empresas senlleiras para engrandecer o seu país, cuestión da que Lobato, maxistralmente, deixa constancia. Pagaba a pena ir ás Meninas.

Espléndida homenaxe