LES FABES

Nace esta asociación no ano 1990. Un grupo de asturianos afincados en Ferrolterra que se reúnen en torno a unha mesa, na que non faltan nin a sidrina nin os máis típicos pratos asturianos e galegos, co galo de falar e recordar, coa saudade da tierrina como pano de fondo. No transcurso do tempo crean o premio Faba de Prata para galardoar a personaxes e entidades acredoras do mesmo pola súa traxectoria social e cultural. En xuño de 2007 nunha xuntanza deciden crear a chamada Asociación Asturiana de Ferrolterra, Peña Les Fabes, como agrupación Gastronómica e Cultural que conta actualmente con máis de trescentos socios. As súas actividades están dirixidas á exaltación e á lembranza da súa terra incluíndo excursións, celebracións, festas e días dedicados a Asturias destacando a paisaxe, a cultura, o folclore e a gastronomía do Principado. Ao meu xuízo o asturiano, os asturianos que eu coñezo, son xente de mirada limpa, afable, de bo humor, e como factor común orgullosos e namorados da súa terra e das súas tradicións, da Santina, dos seus persoeiros da política e da cultura, das Xanas, do Sporting e ata das navallas de Taramundi. Así é o actual presidente, José Ramón Rodríguez Carrera, de quen teño a honra de ser amigo fai xa algúns anos. El é quen me informa que no próximo mes de setembro, concretamente o día 6 venres as oito do serán, vaise celebrar unha misa en honor da Santina na igrexa do Socorro de Ferrol.
Para rematar este breve apunte, nada mellor que falarvos dunha receita penso que xenuinamente asturiana que son as Fabes con almejas. Eu so vos presento os ingredientes, a preparación déixoa ao voso maxín. Velaquí: 400 grs. de fabas asturianas (tamén poden ser galegas); 500 grs. de ameixas (Lamelibranquios bivalvos); unha cebola (de Betanzos); cinco dentes de allo; media culleriña de sal; un lixeiro toque de pimento; unhas pingas de aceite puro de oliva; unha folla de loureiro (Laurus Nobilis); unhas follas de pirixel picado; auga.
Para beber sidra, non pode ser doutro xeito, aínda que un pouco de ribeiro tampouco caería mal.
As rimas de Raúl falan moi ben do irmanamento de asturianos e ferroláns: “Quién podría imaginar, /  que junto al pico del oro, / habíanse de hermanar,  / Covadonga con Chamorro”.

LES FABES

Te puede interesar