O verbo maquear

|

ando se acada a miña idade, ás veces sen unha razón clara, danos por evocar episodios e sucesos da xuventude, ¡tan afastada no tempo!. Por certo, soamente os bos recordos que os malos xa os teño borrados da memoria. Non son eu home rancoroso. 
Tiven a sorte e o honor de pertencer durante máis de corenta anos a Mariña de Guerra Española. Na Escola Naval Militar compartín estudos, gardas, arrestos e plantóns con compañeiros procedentes de toda España, xente extraordinaria no sentido máis amplo e positivo da palabra. Alí fixen amigos que xa foron para sempre. Xa de oficiais, coincidimos en destinos a bordo e en terra e mesmo en cursos nos EE UU onde se afianzaron as amistades forxadas na Escola Naval.
Lévame isto a recordar, relacionado coa verba “maquear”, a un destes compañeiros, un andaluz de Vejer de la Frontera, ¡nada menos!, home simpático e sempre ledo coa gracia indubidable e a alegría de vivir dos fillos daquelas chamadas terras de María Santísima. 
Casou coa irmá doutro compañeiro, home este máis ben tristeiro e reservado ao que lle apuxo o nome do “Guarnio”. Dicía do seu cuñado que cando se encontraba con el, non sabía se darlle os bos días ou acompañalo no sentimento, Coincidimos nos dragaminas en Cádiz, (homes de ferro en barcos de madeira), nos anos 60. 
Dende entón non o volvín a ver pero gardo un gran recordo del e da súa gracia andaluza. Se acaso lera estas letras, aquí lle deixo unha aperta forte e mesmo para o seu cuñado “O Guarnio”. Estou a falar de Juanito el Maqueón que foi ao meu xuízo un dos introdutores da verba “maquear” en España.
O verbo “maquear” que hoxe se emprega acotío xunto cos seus derivados, e que pronto aparecerá con esta acepción, se non está xa, no Dicionario da RAE naceu naqueles cursos que os novos oficiais da Armada facían nos EE UU. 
Chegaban a USA cun superficial coñecemento do idioma e ao mesmo tempo que o ian perfeccionando, españolizaban algunhas expresións como é o caso que nos ocupa.
En inglés “to make up”, significa maquillarse, asearse, compoñerse, para saír de paseo por exemplo. O enxeño español axiña converteu esta expresión en maquear, maqueo, maqueón... etc., que hoxe utilizamos con toda naturalidade na Armada, na rúa e no país enteiro.

O verbo maquear