A última campaña electoral, a que desembocou na xornada de votación do 24 de maio pasado, caracterizouse, como tódalas que vivín desde 1977, pola infinidade de promesas realizadas a sabendas de que non se ían cumprir; polos ameazantes augurios de grandes males no caso de vitoria de determinadas forzas políticas e polos elevados gastos propagandísticos de todo tipo. No tocante ás ameazas, xa veladas, xa ben directas, o que di meter medo, recordo que nas primeiras eleccións o demo viña sendo o recén legalizado Partido Comunista, que, no caso de resultar vencedor -algo totalmente imposible, como era obvio-, lle ía quitar as vacas ós labregos que tivesen máis dun par. Por esta nosa terra, cando menos, foi un “slogan” dos máis difundidos. Andaban tamén polo medio reedicións de Paracuellos e lindezas desa caste. O curioso é que coñecín un votante que cría o das expropiacións forzosas de cousas de pouca monte. El falaba dos coches: quen tivese dous, quedaba sen un. En fin, que non pasou nada que non estivese máis ou menos claro que tivese que pasar. O máis rechamante, aínda que xa o escoitaramos en eleccións anteriores, foi o da insistencia na rexeneración democrática -o que pon de manifesto que o que todo o mundo ve é dexeneración-, na transparencia, nas contas claras, na gobernación ó servizo do pobo, na reforma ou desaparición, por redundantes e/ou inoperantes, de determinadas institucións (Deputacións, Senado)... temas que a rutina dos funcionamentos acababan por ir adiándoos para a próxima. É isto mesmo da reforma constitucional que di Rajoy -anda ya!- que agora é un pouco tarde, que para a próxima lexislatura, que é como dicir para nunca. Estamos a ver como representantes de formacións políticas que de sempre demostraron, e de xeito impecable, a inutilidade das deputacións provinciais volven ocupar os seus asentos, desta volta acompañados por xentes de novas formacións que tamén pensan así. Falan de mudar as cousas desde dentro, que é posible -seino por experiencia propia, ademais de por alleas-, mais non doado se un se deixa levar un nada pola inercia e/ou o ouropel. E tanto nas deputacións como nos concellos, ata case hoxe mesmo, o tema estrela foron os salarios. Nos últimos tempos asistimos a rebaixas nos emolumentos de moitos cargos políticos. Penso que, nin con moito eran todos necesarios. Un servidor público mal pagado, a priori, pode ser máis doadamente corrompible que un cun salario digno e axeitado á responsabilidade do cargo ostentado. E estou firmemente convencido de que non se poden ocupar cargos públicos -que terían, por lei, que ser moi transitorios (12 anos consecutivos, que xa é moito, a todo tirar)- gañando menos que antes de exercelos, nin substancialmente máis. E para ser cargo responsable de algo habería que ter dedicación absoluta ó mesmo. Nada de pluriempregos. Ordenando papeis atopo a declaración de renda deste ano, presentada hai mes e algo, e á vista deste documento tributario pensei, como tantas outras veces, que, aproveitando que a cousa está moi fresca, os nosos mandatarios e mandatarias non deberían ter problema ningún para colgar xa as súas declaracións recentemente presentadas e sen escusas de ningún tipo. O pasado domingo lin en El País unha entrevista con Varoufakis e quedeime con estas súas palabras: “no entré en política para hacer carrera. Entré para intentar cambiar las cosas. Y hay que pagar un precio por tratar de hacerlo”. E cando o xornalista lle pregunta cal é ese prezo responde: “El desdén, el profundo odio del stablishment. Si uno llega a la política sin querer hacer carrera acaba metiéndose en problemas”. Ó longo da miña vida fun un lote de veces en candidaturas políticas. Nunca, como saben os que me coñecen de vello, quixen ir nun posto onde puidese saír elixido. Sabía que facía ben, porque a miña carreira, sen deixar de lado a participación política, era outra.