Xente de idade avanzada

Fai poucos días lin nun xornal unha noticia que, á parte de me chamar a atención, tívome un tempo preocupado e aínda hoxe matino nela. 
Verán: “Anciano de 66 años atropellado por un autobús escolar”. A continuación daba outras referencias sobre do accidente. 
Ou sexa que eu xa son máis que anciano. Pero como é posible sentíndome na plenitude da vida (ou case, eso penso eu), soñando aventuras, subindo ás figueiras, ollando de reollo ás mulleres –eso sí, sen lles faltar nunca ao respecto–, facendo o Camiño Inglés e mil otros imaxinarios. 
Como é posible xa anciano, vello da Terceira Idade se inda me lembro daqueles “tirabuzós” que miña nai me facía no pelo, aqueles pantalóns curtos ensinando os xionllos, o primeiro largo “bombacho” que estreei moi fachendoso cando entrei de aprendiz na Universidade de ASTANO, o primeiro poema que escribín a Porota, aquela rapaciña arxentina de vacacións na casa duns tíos de Barallobre, poema premiado con un bico que me fixera poner tan roibo coma unha cereixa madura do val de Irís. Pero como é posible se todo isto que lles conto semella foi mesmo onte!!! Xubilado, anciano, de idade avanzada, da terceira idade agardando chegar á cuarta , cheo de ilusións, quizais sobrado, pero sempre en acción, coma cando mozo, aínda que xa o teño asimilado, o tempo de andar aos niños, de bailar a raspita e o twist (a muiñeira ata a morte), xa non volverán.
Aló quedan para sempre, non no esquecemento, pero sí nas crónicas da historia que ben puido ser máis humana, solidaria, de paz entre irmáns e todas as familias que tanto tiveron que sufrir por culpa de egoístas caudillos de palla que marcharon para a outra ribeira da vida tendo que deixar neste outro lado condecoracións, riquezas, títulos ben retribuídos — dos honoríficos fuxían — privilexios, e a eterna maldade e rabia animal, que aló, despois da vida tampouco de nada lles serviría.
As persoas que me len saben que me gusta recurrir a aforismos, citas e pensamentos de filósofos e de importantes personaxes que coas súas reflesións aportaron moito durante tempos pasados, que non perdidos, á sociedade en xeral.
Sobre a ancianidade que é o meu tema de hoxe dicía o escritor e filósofo suizo Fréderic Amiel que “saber avellentar é a obra maestra da sabedoría e unha das partes máis dificultosas da arte de vivir” e Giovanni Papini, importante escritor italiano autor de coñecidas obras literarias, entre outras “La felicita dell`infelice”, “Giudizio Universale” e “Lettere di Papa Celestino VI, dicía que “non hai mocidade e vellos como grupos estables; todos somos persoas que avellentamos e que estamos de paso nunha época determinada da vida.
Sempre hai mozos e vellos e de todas as idades. Qué significa “Os mozos de agora”? De cando? De hoxe? Mañá xa outros terán a mesma idade que eles tiñan onte”. 
Non hai mozos, nin hai vellos. Hai persoas de diferente idade, e a forma de ser, de actuar, e o espírito de cada quen difine a idade. Pode haber mozos vellos e vellos mozos. 
O que pedimos a xente xubilada, a xente de idade avanzada  é ben pouco e témolo ben gañado despois de moitos anos de traballo: Unha pensión digna para que poidamos rematar os últimos días de vida sen graves problemas económicos, boa atención médico sanitaria, máis residencias e amor, moito amor. 
Hai poucos días Carmen, miña querida sogra, estivo de celebración: 101 anos de vida con bo ánimo, alegría e elegancia coa súa familia dende fillos a tataranetos. 
Cantou, bailou e brindou con todos e despediuse ata o vindeiro ano con bos desexos de paz, amor e felicidade para todas as xeneracións. 
Que xente, aquela xente que tanto traballou para sacar adiante aos fillos e aos fillos dos fillos. Aquelas persoas que tantas penurias pasaron e que tanto sufriron naqueles tempos de miseria, inxustizas e medo…
Ánimo ao grupo de veciños e veciñas que están procurando recuperar a Asociación de Xubilados de Neda. Xente maior que se senten mozos participativos, con moitas ganas de traballar polo ben social dos nedenses. Ogallá chegue a ser unha asociación interxeracional na  que todas as idades teñan cabida e poidan traballar compartindo ideas e proxectos xuntos. Ogallá!!!
 

Xente de idade avanzada

Te puede interesar