Metade anxo, metado marisco

|

Á vista do éxito popular acadado coa celebración do Día das Letras Galegas, incluído o seu rendemento comercial que é innegábel; consideraron os directivos da Real Academia Galega de Belas Artes que ben estaría probar cun Día das Artes Galegas. Meu dito, meu feito. Arrancaron co Mestre Mateo, pórtico á gloria na arte; pasaron logo a Castelao, na súa faceta de artista gráfico que é parte da múltiple capacidade de expresión que nos legou a súa creatividade comprometida coa causa do País; e, á terceira, tócalle a Maruxa Mallo.
Esta muller que se definiu a si propia como “metade anxo, metade marisco” é, na partida de bautismo da parroquial de Viveiro con data de nacemento en 1902, Ana María Manuela Sabela Xosefa Gómez e González; convertida á sinatura artística co pseudónimo de Maruxa Mallo. Por cousa de familia, ocupación profesional do seu pai, aduaneiro, e posterior relación de parella; á vila da Mariña luguesa sumou cando menos Corcubión, Tui, Bueu e Vigo na súa morada pola xeografía galega na que tamén habería que incluír Bos Aires, no exilio voluntario, e outras localidades marcadas pola emigración dos nosos paisanos. 
Co inicio da década dos anos vinte do pasado século resultou ser “a única señorita aceptada” na madrileña Academia San Fernando, a universidade da formación en belas artes, ocasión que coa súa valentía á hora de cruzar a fronteira que para as mulleres da época representou a limitación patriarcal imperante, levouna a se relacionar coa vangarda cultural e artística emerxente, simbolizada coa súa participación na “confraría da perdiz” ao carón de Buñuel, Dalí, Lorca, Alberti e outras figuras fundamentais daquela histórica Residencia de Estudantes. Andaina que continuaría no París de Miró, Bretón, Éluard en plena explosión de novos camiños para a pintura. Experiencias que a converten nunha creadora con proxecto persoal, por máis que se inclúa entre as surrealistas, futuristas e mesmo precursoras do pop art. 
Para esta “meiga pequena”, daquelas pioneiras que racharon os teitos de cristal para afirmar á nova muller, dona de seu, a construción da imaxe persoal sempre estivo no centro da súa actuación. Trátese da falsa apreciación de “non levar roupa baixo o abrigo” ou da anécdota de ter “entrado na Igrexa de Arévalo, pedaleando ata o altar para dar volta sen baixar da bicicleta” causando a impresión de “ver un anxo” entre as beatas alí congregadas. Imaxe icónica que explotou Reixa nun impagábel documental sobre esta artista “máis celta que galega”. Ocasión para divulgar a obra creativa dunha artista que demanda lugar de honra na historia da plástica. 
 

Metade anxo, metado marisco