Non vou descubrir eu agora, a estas alturas, a Álvaro Cunqueiro Mora (1912-1981), o gran fabulador galego, novelista, poeta, dramaturgo, periodista e gastrónomo, do que xa vos teño falado aquí máis dunha vez. Ven hoxe a conto pola verba que da título a este apunte, empregada por el na súa famosa Escola de Menciñeiros (1960), onde nunha mistura de realidade e de imaxinación, nos fala daqueles menciñeiros ou curandeiros que, sendo un rapaz novo, coñeceu e tratou acotío na botica que seu pai rexentaba en Mondoñedo. De cada un deles aprendeu algo das súas intuitivas ciencias da curación, chegando a ser un experto na arte do sinapismo. A cidade de Vigo onde exerceu o periodismo durante anos dedicoulle no 2015 un hospital que leva o seu nome.
Desta volta trátase de Borrallo de Lagoa que exercía a súa ciencia pola terra de Miranda e pola terra cha, Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Pastoriza, Vilalba e Xermade.
Segundo el os afrixoados, e copio literalmente porque a definición non ten perda, “son xente que se entrista, enfraca, cánsase, desvaece a comida e morre aborrecida e calada nun recuncho, a pel da cor da cera e por veces queixándose dun punto frío que lles vaga polo corpo, cando no peito, cando na espiña”. Fala Borrallo por boca de Cunqueiro dos síntomas e da terapéutica a seguir. Seica el mesmo estivera afrixoado durante algún tempo e auto curouse.
Chamoume a atención esta verba que non está recollida no Xerais da Lingua e que eu traduciría por desacougado, enmeigado, enmouchado, alganado e ata ensumido. Todo ilo xunto ven a ser o que hoxe chamamos estrés.
Descuberta a palabra e o seu significado, seica hai tempo que eu mesmo ando algo afrixoado. O peor do caso é que non podo, para sandar, recorrer a Borrallo de Lagoa porque xa morreu hai moitos anos.
Segundo conta Cunqueiro, polo verán do 36 apareceu morto nunha cuneta cun tiro na cachola, disque por mor dos puntos que lles puña aos cregos. ¡Que Deus o teña na gloria!, a el e máis aos cregos.
Moito me prace rematar co epitafio que por expreso desexo figura na sepultura do gran polígrafo galego do século XX, que naceu en Mondoñedo e alí está soterrado, no cemiterio vello entre pedras e cipreses:
“Eiquí xaz alguén que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis”, xunto con estoutro que reza, “Loubado seña Deus que me permitiu facerme home neste grande reino que chamamos Galicia”