reo que algunha vez comentei que ao subir ao meu coche sinto coma un complexo de culpabilidade que me embarga polo que ultimamente nos están a dicir as cabezas pensantes que dirixen os nosos destiños. Hai que ser valentes! , proclama o noso presidente, e rematar cos coches de propulsión a gasoil, gasolina e híbridos aló para o ano 2040 e pasar aos eléctricos. Dixoo sen inmutarse, sen explicar as consecuencias que un cambio tan radical pode carrexar. Si é verdade que a automoción contamina, non é menos certo que outras cousas ensucian máis a atmosfera e sen embargo non están na diana das prohibicións, por exemplo o transporte aereo. Saben cantos avións andan por aí arriba? : pois no mundo nada máis e nada menos que 11.000 aparellos por minuto e segundo os últimos datos en España prodúcense preto de 7.000 voos diarios. No ano 2014 houbo 38 millóns cun consumo aproximado de 273 mil millóns de litros, a maior parte queroseno que emite á atmosfera particulas de carbón negro. Un kg de carbón negro provoca un calentamento equivalente a 700 kg de dióxido de carbono perante 100 anos . Eu viña nun voo desde Tenerife a Madrid e déronnos uns datos: altura, temperatura exterior, duración estimada do voo e consumo previsto. Saben canto queroseno en pouco máis de dúas horas? : 6.000 litros. Perdoar polo aburrido dos datos, pero ai están para que cada un faga os cálculos que considere oportunos. Pero o obxectivo primordial, o que está no centro da diana, son os coches. E eu pregunto: por qué promocionar os electricos e non por exemplo os que se poderían mover con hidróxeno que só emitirían auga polo tubo de escape? Cos eléctricos haberá un consumo enorme de electricidade que a ver como a xeramos se pechan tamén empresas contaminantes como as térmicas e nucleares ( aquí As Pontes e Meirama posibles candidatas). O mesmo o noso actual presidente dentro de trinta anos está a formar parte do consello de administración dalgunha compañía electrica e xa terá solución a todo este envorullo no que andamos metidos. Eu, seguramente fora de xogo, xa non terei esa preocupación e os meus netos conducirán coches que andarán con cristal de “criptonita”, non contaminarán e non precisarán repoñer combustible. Podemos seguir na ciencia ficción que o mesmo dentro de trinta anos xa non é ficción. Disparar a todo o que se move non soe ser solución: sempre será mellor comezar a construir a casa polos cimentos e non polo tellado coma semella estamos a facer.