A muller a base de constancia, perseverancia, traballo, a base de sortear obstáculos e trabas, de competir nun mundo patriarcalmente hostil, é quen de manexar un sinfín de situacións. Loita a diario por un traballo e un salario digno, loita por sacar adiante a súa familia, loita polos seus fillos, loita pola xustiza... mais estamos metidos nunha espiral de senrazón que nos fai loitar por non ter que ter medo, que nos fai loitar por seguir vivas, que nos fai loitar pola nosa integridade e liberdade. Ante a pasividade dunha sociedade enferma de indiferencia, machismo ou xa non sei de que, están a nos asasinar. Hai quen escoita no telexornal que matan unha muller como quen escoita que o Madrid mete un gol, e neste país non hai quen mova un dedo desde arriba. Aquí estamos nós, as febles, as invisibles, para demostrar que temos que transformar esta rocha de sociedade até rachar con esta lacra e conseguir vivir sen medo nun mundo onde non teñamos que agocharnos de nada nen ninguén.