Verdes

A estas alturas da miña vida aínda estou a descubrir lugares que amosan a fermosura desta terra nosa moitas veces esquecida e menos prezada por aqueles que deberan poñela en valor. A pasada semana descubrín un lugar que a bo seguro moitos dos que me están a ler coñecerán e xa que logo, ao mencionalo, non lles vou facer gran descubrimento, pero deixádeme que vos dea a miña impresión sobre este enclave marabilloso. Este espazo afastado do rebumbio é Verdes, no concello de Coristanco, moi preto de Carballo, a capital de Bergantiños. Un lugar en cuxa configuración ten moito que ver o río Allóns, que transcorre paseniño pola comarca, pero cando chega ao Refuxio de Verdes o fai coma querendo chamar a atención. Nun tramo duns cincocentos metros o río cobreguea entre pequenas illas formadas polas rochas graníticas do seu leito cheas de abondosa vexetación na procura dos muíños fariñeiros, antigas construcións hoxe afortunadamente restauradas que en número de quince  decoran o entorno.
Cando cheguei alí pola estrada que vai de Carballo a Malpica sentín a sensación de que transitaba por esa Galicia durmida dende hai moitos anos, por esa terra na que o tempo non semellou transcorrer. Ao chegar a Verdes vimos unha estación de servizo abandonada por mor da desafección automobilística. Ao facer vías rápidas por aquel lugar xa case non pasan coches, agás os dos veciños e pouco máis. Un pequeno bar, media ducia de casas na beira da estrada, unha capela aló no medio do campo, e silencio: tan so se escoitaba o bruar do vento nos piñeiros próximos baixo un ceo plúmbeo que ameazaba choiva.
Saíndo da aldea, tomamos unha estreita pista á esquerda que nos levou ao Refuxio. Escoitábase o ruído da auga do río coma unha melodía monocorde e reiterativa: un son cristalino que formaba parte dunha banda sonora milenaria. Unha sucesión de pontes de madeira permiten salvar as augas rápidas do Allóns, a arteria que insufla vida a aquel paraxe, e saltar dunha pequena illa a outra. A vexetación abondosa e autóctona forma un teito protector e un fresco micro clima que, imaxino, se agradecerá no estío.
Agora estabamos nos albores do outono e as follas comezaban a formar no chan esa alfombra típica desta estación, o que lle daba ao paraxe un ton especial. Por alí vense carballos,  freixos,  espiños, etc. Partindo deste lugar, pódense facer rutas seguindo as marxes do río. Son sendeiros de baixa dificultade, o que permite seguilos por aqueles que non están acostumados a facer complicadas rutas de montaña. Dende sempre aquel lugar foi un prestixioso coto de pesca e supoño que será visitado por moitos pescadores cando sexa a tempada, pero paga a pena visitalo sen máis, tan so por ver a beleza que a natureza pode crear, por gozar do encanto do entorno, por permanecer alí en silencio escoitando a música cristalina do río.
Estas sensacións son patentes cando se producen as condicións precisas que pasan porque haxa pouca xente, como aconteceu na miña visita. Fixen propósito de pasar por alí no inverno e seguro que poderei experimentar outros rexistros.
En todo caso é un lugar para ir en calquera época do ano, un sitio para perderse, un enclave para soñar e deixarse levar. Alegreime moito de coñecer este paraxe con encanto, facendo bo o refrán que di aquilo de que “nunca é tarde se a dita é boa”. Si.

 

Verdes

Te puede interesar