Non é nada doado entender, e menos explicar, os mecanismos que moven os engranaxes dos pensamentos e sentimentos, que empurran aos seres humanos a facer o que fan. Xa sexan cousas sinxelas ou dunha complexidade excepcional, sempre teñen resortes ocultos inesperados que, ou ben sorprenden ou ben emocionan. Canto máis descendemos ao detalle, menos entendemos como persoas con capacidade e formación, pasan a xogar a ser manifestantes alporizados contra o que cualifican coma goberno opresor. Persoas que poñen en risco a súa propia saúde con actos que están fóra da legalidade, evidentemente, pero tamén, e iso é o máis grave, lonxe do sentido común e da realidade. E cunhas declaracións onde as posturas negacionistas da pandemia se mesturan co compoñente conspiranoico, e acaba derivando nunha convicción de que só eles, teñen que salvar a España. E todo cunha posta en escena con ampla parafernalia de bandeiras, lazos negros, camisetas antiSánchez, merchandising variado e créndose en posesión duns dereitos que os demais non teñen. Fai moito tempo que descubrimos que os movementos espontáneos, nin son tales, nin son gratuítos. Por moito que desafinen, as orquestras sempre teñen director e incluso coros que axudan a difundir os estribillos. Obedecen sempre a estratexias e teñen un obxectivo claro, crear a sensación de falla de goberno, da creba de España e de abuso de dereito. Sitúanse claramente do lado da economía e non da saúde. O grave é que sinalan e acusan con odio a familiares de cargos que viven nesa zona. O odio nunca foi un aliado, sempre foi o instigador, a mecha e o problema.
Contigo as horas teñen temores despexados –dixo El– desembarcos prudentes de euforias e cereixas. Ou luces que sinalan insistentes, a posición dos soños de sentirte. Será en ti, cálido océano, area húmida e fiestra conmovida, onde habite sempre a voz do paraíso.