BAZÁN, IZAR, NAVANTIA

Dende o espigón de Caranza por onde adoito pasear, vexo acotío as gradas valeiras de Navantia, antes Izar e aínda para moitos, Bazán. Contemplándoas non podo evitar pensar que dende elas foron lanzados ao mar os buques máis emblemáticos da Armada Española. Falando dende a miña propia experiencia, véñenme á memoria todos estes nomes de barcos nos que naveguei e traballei durante longos anos: Os cruceiros Almirante Cervera e Canarias, Minadores tipo Vulcano, serie Audaz, tipo Oquendo, fragatas DEG, P/A Príncipe de Asturias, patrulleiros, fragatas tipo Santa María, fragatas F-100, buques de aprovisionamento, LPD Juan Carlos I e por riba LPD,s e fragatas para Australia, Venezuela e Noruega.
Todos eles proporcionaron traballo durante moitos anos a moitos miles de homes tanto no estaleiro como na Armada, constituíndo o que poderiamos chamar hoxe Marca Ferrol ou máis propiamente Marca Bazán, barcos navegando por tódolos mares e colaborando de igual a igual con tódalas mariñas do mundo. A nosa cidade que medrou a carón da construción naval, seguindo as vicisitudes da mesma, chegando a acadar en tempos mellores preto dos cen mil habitantes, adoece hoxe baixo mínimos debido á falta de novos contratos nos seus estaleiros.
Por todo o anterior, por respecto aos nosos devanceiros e aos nosos descendentes, estamos obrigados a conservar unha experiencia de tantos anos de traballo e de esforzos que se está a perder un pouco tódolos días pola falta de novas construcións.
Nestes momentos fálase da posibilidade de contratar dous buques loxísticos para Australia o que constituiría un balón de oxixeno a espreita das novas fragatas para a nosa Armada previstas para o ano 2018. A nosa é unha cidade ilustrada, hai ilustres ferroláns espallados por todo o país e polo mundo adiante, ocupando postos sobranceiros no Goberno, na Armada, en xeral en tódolos eidos da administración do estado. Xente nova e xente con experiencia e influencia dabondo que aínda pode aportar moito para solucionar a crise actual. Eu dende este apunte fago de novo unha chamada de auxilio a todos eles, para saír desta situación e conseguir que Ferrol deixe de ser soamente un refuxio de xubilados.

BAZÁN, IZAR, NAVANTIA

Te puede interesar