Suposicións

|

Non sei. Non me lembro. Non me consta. Semella que un andazo de amnesia percorre o país. E din que dos galegos non se sabe se soben ou se baixan. Iso poderíaselle aplicar a don Mariano ou a don Alberte, porque son galegos, pero os outros, que non son galegos, miúda retranca que supostamente se gastan.
Abraia a naturalidade coa que din descoñecer cousas que, supostamente, sabe toda España e gran parte do estranxeiro. E nembargante, ese suposto descoñecemento que podería descartalos de ter cometido supostas irregularidades, apunta á suposta responsabilidade dun máis alto dirixente.
É dicir que xa non se trata de que cada pau aguante da súa vela, senón de que un só pau soporte as velas de todos. Parece que as ratas están a abandonar o barco e só o capitán se afundirá con el. Mágoa que ao Xefe lle fallasen as ideas no debate, porque podería ter presentada a súa dimisión, dun xeito “simulado e diferido”. E como aquí todo vale, todos contentos e a velas vir.

 

Suposicións