on un afeccionado ao fútbol máis ben moderado. Recordo aqueles tempos nos que tódolos nenos soñabamos con ser Xoan Acuña, o mítico porteiro do Deportivo. Aquí comenzou a miña predilección polo equipo coruñés. Máis tarde chegou o Super Depor, Fran e moitos triunfos no devalar do club ao longo dos anos.
A Coruña, unha das cidades máis bonitas de España, ben merece ter e manter un equipo na división de honra anque nestes intres milita, esmorece máis ben, na segunda división estando a piques de baixar aínda máis, desta volta dun xeito pouco claro.
Non entendo moi ben o que está a pasar, independentemente dos intereses económicos que tamén gobernan o chamado deporte rei. Mesmo semella que hai, polas autoridades deportivas, interese en que o prexudicado sexa o club coruñés.
Está moi claro que o único culpable da situación actual é o Fuenlabrada que cometeu un dobre delito, un deportivo e outro contra a saúde pública, o que se demostra tódolos días co aumento de contaxios no seu cadro de persoal. Non entendo que se dea por descendido ao Depor faltando un partido por xogar que, en caso de gañalo, sairía da zona de descenso. O problema é que a cousa complicase porque hai terceiros implicados. E non falemos de responsabilidades penais que, como as meigas, habelas hainas!
As autoridades que rexen o deporte nacional estanse a lucir coa situación, mesturando churras con meiriñas. Está ben claro que a única solución xusta é que se lle dea por perdido o partido ao Fuenlabrada co cal, os tres puntos en xogo pasarían ao Depor que, deste xeito, permanecería na categoría.
Non estou de acordo con unha liga de vinte e catro equipos, paréceme unha trapallada para contentar a todos cando o equipo madrileño, único culpable da situación repito, debe ser o que descenda xunto co Racing de Santander e o Extremadura. Esta opinión miña, non é gratuíta, está respaldada polo artigo 74 do Código Disciplinario da Real Federación Española de Fútbol.
En ningún caso o Super Depor pode ser o prexudicado polo que debe ser defendido botando man de tódolos recursos que lle permite a lei, a do deporte e a outra.
Forza Depor!!!