odos os indicadores veñen advertir unha vez máis que a recesión toca a porta da economía, polo menos iso delata a situación a xulgar por aspectos como a caída das bolsas, os prezos da industria e o derrube da economía da Unión, que no seu conxunto fan augurar que once anos despois do crack de 2008 estamos abocados a unha nova crise.
Un avatar nada sorpresivo, pois o conxunto dos gobernos europeos no canto de finiquitar o esgotado e inservible modelo neoliberal como referente das políticas económicas, lonxe de rectificar, insisten no erro de manter a súa continuidade aplicando como solución as mesmas receitas que anteriormente nos conduciron ao fracaso.
Esa predicada doutrina enmascara ademais. un transfondo reaccionario que ao tempo de devaluar o sistema democrático, induce a incautación do aparello do Estado, abrindo vía libre á liberalización de todo o público e a conversión dos recursos sociais en amortización financeira.
Expoñentes que son o vivo reflexo da realidade extensiva que actualmente domina o panorama socio económico do noso país, cuxo afianzamento conta coa participación dunha xeración de substitución, herdeira dogmática do neoliberalismo español, ou o que é o mesmo, ese agrupado de paridade ideolóxica no que conflúen un reconvertido socialismo co trifascito de Colón, digamos PSOE , PP, C’s e VOX.
Pois por desconcertante que aparente, estas organizacións a pesar de manter ante os electores a ficción das súas diferenzas a través de recias rivalidades retóricas, o certo é que todos eles sen excepción son simplemente axentes intercambiables que en razón á súa capitalización electoral, alternativamente, veñen sendo utilizados polo neoliberalismo como colaboradores necesarios, coa exclusiva finalidade de levar a termo o seu perverso obxectivo, que non é outro, que crear unha sociedade de desigualdade, onde as elites económicas sexan os únicos favorecidos á conta de estender a pobreza á gran maioría social.
De aí, que por adecuado encadre haxa de concibirse ao neoliberalismo non tan só como unha ideoloxía económica, senón ademais, como un pensamento fundamentalista con tendencia perturbadora, que polo seu carácter excluínte e marcadamente absolutista, resulta totalmente contraproducente para a estabilidade do país e altamente pernicioso para a súa saúde económica e democrática.
É evidente que estes prosélitos do credo neoliberal foron os copartícipes da planificada crise de 2008, por iso é polo que supoña un contrasenso que como parte activa daquel caos, agora, sigan á fronte da función política defendendo intereses minoritarios ligados aos seus aliados capitalistas, destinando a fondo perdido miles de millóns de euros de diñeiro público en salvación das entidades bancarias artífices da hecatombe, mentres non reparan en reducir o estado social a mínimos, á vez que escamotean recursos de apoio ao fortalecemento do tecido empresarial e do emprego.
A crise que se aveciña do mesmo xeito que a anterior ten como sinal de coincidencia a marca rexistrada do neoliberalismo no seu formato mais xenuíno, cuxo principal obxectivo é restablecer as taxas de rendibilidade do poder económico, ou o que é o mesmo, restaurar o poder de clase das elites económicas, mediante a aplicación dun modelo que lonxe de achegar solucións foi desde sempre a raíz ideolóxica de todos os nosos problemas, por tratarse dunha doutrina deseñada en beneficio propio e detracción dos dereitos sociais.
Políticas de axuste que sen ser a solución de nada acentuan a gravidade dos problemas existentes para desembocar de novo nunha crise social de múltiples consecuencias; onde á depresión económica súmaselle a psicolóxica, sendo o abismo do desemprego o maior expoñente dos seus lesivos efectos que conxuntamente á afección repercutida en sanidade e cultura conforman o mapa actualizado da crúa realidade española.
Para maior complexidade é perceptible que o neoliberalismo como ideoloxía é inherentes de corrupción, e non soamente no plano individual, senón que o propio sistema que esa ideoloxía propicia é factor desencadenamento de corrupción colectiva, cuxa proliferación se estende por igual desde o goberno ata o conxunto de expresións do sistema, abarcando na súa afección desde o mundo empresarial ata os partidos políticos.
Todo un referente de decadencia e de perda de principios éticos que rompe a cohesión social e debilita a institucionalidade, deixando relegada a democracia a un mero referente electoral, onde paradoxalmente os compromisos non toman condición de obrigacións .
A cidadanía ten a chave do cambio se quere erradicar o favorable statu quo duns poucos en vantaxe do interese colectivo, tomando para iso parte activa nunha rebelión pacífica pero belixerante, orientada a suprimir da actualidade política a ideoloxía excluínte do neoliberalismo; e a arma mais contundente para lograr tal finalidade, é evitar que os adictos a reproducir o despropósito de Milton Friedman sigan a conducirnos en dirección contraria ao futuro.