Coa suor da fronte obreira

|

Ganarás o pan coa suor da túa fronte, até que volvas á mesma terra da cal fuches sacado; porque po es, e ao po volverás. Velaquí a sentenza lapidaria que se mostra na literatura bíblica para condenar á especie humana nunha causa que resulta non afectar a todos por igual e da que unha minoría tira o seu proveito, no patrimonio económico e noutros aspectos da vida. Aínda así, é unha metáfora da inxustiza que unha empresa de perfumes vén de empregar a xeito de reclamo publicitario pola que afirma facer da suor das e dos seus traballadores unha parte fundamental do contido que, en paradoxo frontal, deberá facer todo o contrario. E dicir, coa suor do seu cadro de persoal, o líquido do frasco das esencias neutralizará o cheirume doutras persoas. Marabilla. 

O asunto, de tomarse pola tremenda, non deixa de ser unha proclama da explotación obreira levada á sofisticación dunha noticia que pretender ver na voluntariedade do persoal afectado, e tamén nunha suposta bondade co uso gratuíto de saunas e actividade física pedaleando en ximnasios da empresa perante o tempo de traballo, a parte boa da cuestión. Para facer máis doce a cousa, apélase ao atrevemento creativo dos publicitarios á hora de empregar mensaxes que socialmente podan non resultar fáciles de asumir e, xogando ao límite, fálase dunha oferta á xente para traballar con esa condición de facilitar a súa suor corporal. A outra, á da fronte por maldición, xa é un padecer común entre toda a clase traballadora.

Certo é que o caso finés que salta aos medios de comunicación ten toda a pinta dun enredo para operar como gancho na venta dun produto concreto, alén da anécdota e da súa parte de veracidade parcial. Non sería o primeiro caso na traxectoria de ofrecementos de desodorizantes que fan da suor corporal un multiplicador do seu efecto contrario, eliminar o mal olor. Porque non sempre é certo que “se parece un parrulo, nada como un parrulo e produce sons vocais como un parrulo, o máis probable é que sexa un parrulo”. Aquí sabemos que poida que si e tamén poida que non sexan esa especie da familia dos anátidos, de cores moi variadas e vistosas. Parrulo tamén é aquela persoa que se deixa enganar con facilidade. 

Así, no tema do perfume e no tratamento do “brexit” pouco é o que semella ser.

Coa suor da fronte obreira