TRABALLAR POLA MAIORÍA SOCIAL

Ofeito obxectivo de que o Estado español sexa o terceiro menos xusto en termos de distribución da renda da UE (despois de Letonia e Romenia) danos unha idea exacta do fracaso colectivo tanto do suposto proceso acumulativo da “segunda miragre española” como do peor proceso de destrución de emprego e benestar da Europa que vivimos dende 2007-08..

Indubidábelmente a crise é europea e internacional, mais a desprotección española fronte á pobreza e exclusión social ven de lonxe e coñece de características individualizadoras de seu, como foi o modelo de crecemento baseado no ladrillo e segunda residencia, a priorización do cemento sobre o coñecemento, a inoperancia das medidas do Goberno ZP, a falla de previsión do Goberno Aznar-Rato e máis a falla de sentido integrador das grandes organizacións políticas e sociais.

Velaí que a temperatura social vaia “in crescendo” e que gañen enteiros as opinións que esixan grandes recurtes no recorrente gasto militar ou que relativicen a suposta necesidade de sanear as entidades financeiras con cartos públicos. Porque, verdadeiramente, semella que unha influínte corrente de pensamento a respecto dos Gobernos estatal e autonómico do Partido Popular (mais tamén a respecto do pasado Goberno ZP) priorizan os recurtes en políticas sociais, educación, sanidade e mesmo na política de rendas compensatorias por desemprego ou de subsistencia e prevención da exclusión, mentres (como ven de facer o ministro Morenés) priorizan o gasto militar a respecto do gasto social, nunha grave subversión das prioridades políticas.

Calquera observador imparcial dirá que aquí se tende a gobernar para unha minoría no canto de pensar na promoción económica e nos valores de inclusión e cohesión social que require a maioría e que alicerzan o sistema político e social que, dende 1945, nos dimos os europeos.

 A arrancadeira > Compre defender a presunción de inocencia do duque de Palma e a grave restrición do seu dereito de defensa por mór do segredo do sumario. Mais, no ámbito político, o caso Urdangarín abre o debate sobre a forma de Estado. Moitos pensan nunha futura República. Unha República que podería írmos máis ao xeito coa realidade plurinacional desta España.

TRABALLAR POLA MAIORÍA SOCIAL

Te puede interesar