O PNUD fai balanzo da coxuntura

A Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) acaba de facer público o seu 25º Informe do Desenvolvemento Humano do ano 2015. 
No prólogo, Helen Clark, directora dese organismo da ONU, destaca que no documento se constatan os avances das últimas décadas, mais que: “Segue habendo importantes desafíos, desde a pobreza persistente e a desigualdade opresiva ate o cambio climático e un ambiente sostíbel en xeral, ou os conflitos e a inestabilidade (...) O Informe recórdanos que non existe un vínculo automático entre o traballo e o desenvolvemento humano. A calidade do traballo é unha dimensión importante para lograr que o traballo mellore o desenvolvemento humano (...) A globalización xerou beneficios para uns e perdas para outros”. 
O relatorio realiza un balanzo das condicións de vida das persoas, das desigualdades laborais, territoriais e de xénero, así como da agravante que constitúen a problemática medio ambiental e os conflitos armados. 
Asemade, indica cales serían as mudanzas necesarias. Porén, unha radiografía non é unha caracterización, xa que non vai á cerna das causas, do papel nesta situación de cada clase e suxeito político e país, ou sexa, non entra no conflito de clases e nas consecuencias da dependencia e da colonización. En ningunha parte do texto se cuestiona a globalización neoliberal, nen se considera un sistema alternativo ao capitalismo, só se propoñen rectificacións. Se cadra é moito esperar que un organismo das Nacións Unidas o fixese, tendo en consideración a correlación de forzas a nivel mundial e a hexemonía imperialista.
No informe pregúntase sobre o desenvolvemento humano, e faise a seguinte reflexión que paga a pena socializar: “Malia todos os avances económicos e tecnolóxicos que o mundo ten á súa disposición, os beneficios do progreso non se reparten equitativamente entre as persoas, as capacidades humanas e as oportunidades non sempre prosperan, a seguridade humana está en xogo, non sempre se protexen os dereitos humanos e as liberdades, a desigualdade de xénero segue sendo un problema, e as oportunidades das xeracións futuras non reciben a atención que merecen”.

O PNUD fai balanzo da coxuntura

Te puede interesar