Os graves incendios que atinxiron os distritos de Leiría, Coimbra e Castelo Branco en Portugal, nos pasados días, con máis de 60 persoas mortas e graves destrucións, son unha traxedia para o rural e un aviso para os gobernos.
O tipo de especies que se están a plantar non teñen moitas veces en consideración o medio ambiente e o cambio climático.
Só se contempla o rendemento económico do produto a curto prazo. Non sempre se fai por cobiza.
En moitos casos é por pura supervivencia, debido á perda de valor da produción agraria tradicional.
Mais o acontecido en Portugal ben podería suceder na Galiza. Temos moitas semellanzas.
Este ano é especialmente caloroso, e ren fai pensar que o vindeiro será distinto ou que as previsións non serán máis negativas.
Non é un problema que se poda solucionar só con máis medios contra incendios, aínda que se deben aumentar. Nen con máis prevención, aínda que esta é esencial.
Todas estas son medidas que permitirían gañar tempo. Mais todo indica que non solucionarían o problema de fondo. Porque o fundamental, é realizar as reformas necesarias para que as especies sexan aquelas que mellor se axeiten a estes cambios climáticos. Isto debe estar por riba do negocio. É unha necesidade colectiva!!
Evidentemente, estes custes extras que beneficiarían a toda a sociedade, non se poden cargar sobre a poboación rural, unha e outra vez castigada durante décadas por sucesivos axustes.
Son medidas beneficiosas tamén para o medio urbano, que deben ser costeadas con subvencións, así como compensar os ingresos que se deixarán de recibir. É algo xusto.
Fíxose así coas grandes empresas e certos colectivos. E neste caso, hai tantas ou máis razóns.
Mais o que pon en primeiro plano esta traxedia é a gravidade do cambio climático. E iso non é un problema de Portugal ou Galiza, senón unha cuestión mundial.
Cómpre mudar o modelo produtivo, construír economías autocentradas e sustentábeis, substituír enerxías, mudar o tipo de transporte, racionalizar a distribución da poboación e planificar a natalidade. Hai que cambiar o modelo ou dar por feito que o futuro está hipotecado, por pura cobiza e arelas de poder.