RAJOY NON GRAZAS

|

Resulta totalmente imposible abrir as páxinas da prensa, facer “zapping” en televisión, navegar por internet ou escoitar a radio sen que nos atopemos con múltiples casos de corrupción, e sobre todo agora cando ao unísono arrincan diversos xuízos sobre as tramas corruptas e desfilan ante os tribunais “distinguidos imputados”, que para maior alarma social son tan só unha parte exigua dos mais de 2000 incursos nas 1700 causas xudiciais abertas na actualidade. Escandaloso referente cuxo resultado sitúa ao noso país no pelotón dos máis corruptos da UE á vez de elevar o custo das prácticas ilícitas en materia de contratación pública a 48.000 millóns de euros anuais, unha cantidade sideral cuxa equivalencia vén roldar o 4,5% do PIB. 
Tal situación é indicativa da nula vocación de servizo público e da total falta de confianza na democracia, de quen, valéndose do seu cargo aprópianse das institucións coa única finalidade de anular o carácter servicial da Administración, para así, postergando o interese xeral dar cancha aberta á pervertida dinámica do seu enriquecemento persoal. 
Prácticas que por inadecuadas alteran as regras de xogo da contratación pública ao socavar o principio de publicidade e concorrencia que debe presidir todo procedemento de contratación administrativa, rompendo así o marco de igualdade cara a aquelas empresas que exercendo a actividade mercantil de boa fe, como consecuencia de tales prácticas vense seriamente prexudicadas nos seus lexítimos dereitos ou abocadas á desaparición. 
Os elevados niveis de corrupción son a causa da perda de credibilidade manifestada pola cidadanía cara ás institucións e os dirixentes das mesmas, unha situación de desafección extrema que fai que a sociedade deixe de sentir que vive nunha democracia e perda toda afinidade coas persoas que elixiu como os seus representantes. 
Disparidade que cada día faise mais notoria co descubrimento de novos escándalos como o protagonizado esta mesma semana polos concelleiros valencianos do PP e a investigación por finanzas ilegais iniciada onte mesmo pola Garda Civil na sede dos populares madrileños, que polo seu alcance, á parte de escarnecer a eficacia da lexislación en materia de rexeneración democrática, evidencia a falta de interese no benestar dos cidadáns por parte de quen a máis da súa directa implicación política nos casos de referencia, insiste no seu empeño por facerse coa Presidencia do Goberno, mesmo despois de blindar aos seus fronte á xudicatura.
Por tanto, este grave fenómeno convertido na segunda preocupación dos españois, terá imposible solución mentres a composición do Executivo estea conformado, polos de sempre, polas mesmas persoas que nos conduciron á o actual desastre, pois toda solución para a súa efectividade pasa por aplicar cambios de verdade e non de boca para fóra, poñendo á fronte do país un equipo renovado, nova sabía política que pola súa integridade e disciplina fagan imposible o camiño aos moinantes sen escrúpulos na súa dinámica de valerse de trampas e atallos para a consecución dos seus turbios obxectivos.
Por este motivo e por hixiene democrática a actividade institucional debe ter na lealdade e a integridade o seu referente de acompañamento, non sendo de recibo por tanto, que os suxeitos connotados con casos de corrupción teñan acceso ao desempeño de funcións de representación institucional, pois por boa praxe, todo compromiso político coa xestión pública debe estar baseado no principio de tolerancia cero para coa corrupción, tendo en conta que a loita contra esta pandemia debe constituír un elemento esencial na forma de facer política. 
Sendo por iso que a loita contra a corrupción ten de ser o obxectivo esencial da práctica política que terá de estar fundamentada no prestixio das persoas que se dedican á actividade pública e na exemplaridade da súa conduta.
Por iso é polo que no actual escenario político cun PP mergullado nun vórtice de casos de corrupción, vinculados ao cobro de comisións pola adxudicación de obras públicas, a situación veña a confirmar unha vez máis a existencia dunha rede de financiamento ilegal no seo do partido da gaivota, cuxas consecuencias lastran aínda mais a basta aspiración de Mariano Rajoy na súa obstinación por lograr a súa investidura, pois nesta conxuntura, toda alianza cos conservadores pola súa elevada toxicidade condiciona de maneira determinante as opcións do PP para poder formar Goberno. 
E todo, cando xa pasou máis dun mes desde os comicios e como Presidente en funcións no seu intento desesperado de saír indemne, pola súa impudicia xustifica sobradamente a necesidade de poñer rumbo á rexeneración democrática, obrigando a conformación dun goberno de progreso que blinde constitucionalmente as institucións fronte ao buraco negro dunha corrupción sistémica, da que Mariano Rajoy por acción ou omisión ou por ambas as causas é parte implícita.

RAJOY NON GRAZAS