asou o que tiña que pasar” é frase que, con todo fundamento, se lle atribúe ao coñecido avogado don Manuel Iglesias Corral, quen, na II República, foi alcalde da Coruña e despois Fiscal Xeral da República Española.
Algo así foi o que pasou onte no Congreso dos Deputados. Tiña que pasar, porque malia que adoitamos dicir que cómpre coñecer a historia para que non se repita, semella que estamos empeñados en repetila, ou, o que sería peor, en que nola repitan. Porque, o de onte xa o viramos e, verdadeiramente, non teño ganas ningunhas de volver ver o PP á fronte do executivo español. A culpa? Obviamente, do chachachá.
Nunca gustei de Podemos e nunca o votei. E iso seguirá sendo así á vista da súa falta de capacidade negociadora mostrada nestes meses. Velaí La Rioja. E o de onte, claro. Na situación actual, as miñas preferencias, como xa dixen en diferentes ocasións, van por un goberno monocolor -e nunca fun do PSOE- con acordos parlamentarios con outras forzas. Como o de Portugal, vaia. Entendo que iso, cun programa ben definido, faría posible o necesario control do goberno.