O TAMAÑO IMPORTA?

Todos os romeiros han peregrinar a Santo André de Lonxe nos cantís de Teixido na serra da Capelada cunha candea tamaña á súa estatura. Importa entón para a salvación o tamaño do cerume a se consumir no lume? Importa o prezo do velame? É a iluminación espiritual unha mera cuestión de tamaño? E o tamaño das mazás e das mazas, importa? Ten a ver a fe e a butaca reservada no Alén co espazo que ocupamos neste mundo terreal?  
Importa o tamaño da nosa sombra na herba? É a profundidade e sensibilidade dos nosos pensamentos? Importa a cantidade de tempo que adiquemos a estar cos nosos fillos anque a nosa estancia non sexa de todo presencial e esteamos coma sen estar? Importa o tamaño dun curso en alumnos para impartir a imprescindivel educación?  Importa o tamaño do carro que mercamos? O tamaño da nosa nazón ou o tamaño de galegofalantes para avaliar unha lingua nai?  Tolstoi escribira aquel fermosísimo libro titulado Canta terra precisa un home? no que abondaba na cobiza dun labrego ruso na sociedade precapitalista e Risco coidaba que todo dependía do grandor do noso espírito, canto máis pequeno máis terra precisará. Jacob, o rico xudeu alemán, protagonista de A escadeira de Jacob de Blanco Amor decatarase un día na barbería do Clube Cerealista que tiña un perfil lírico e iso trastallara a súa vida por enteiro mudándoo noutro home a respeito do tamaño do seu botín.
Importa o tamaño no leito do amor e do sexo? Contra a opinión de tantos homes e algunhas mulleres, o tamaño non importa ren!. Os que cren que o tamaño dun músculo importa ignoran os gozos do desexo dos miolos, da profundidade e candura dos soños e da imaxinación. O peso dos xenitais importa só nos ambientes brutalláns e paifocos dos cousos dos touros castizos e nos campos de negocios do futebol. Só importa realmente o tamaño da sensibilidade emocional, do respecto e do misterio con que saibamos adoviar as nosas vidas. Os demais tamaños pésanse nas balanzas do poder que tamén entra so das sabas sen que a penas nos decatemos. Coma os nenos fonchos que no patio do colexio compiten a ver que a ten máis e mexa máis lonxe. Divertimentos pasaxeiros e superficiais de temesiños edipos que nalgúns instálanse de por vida xunto ao mito do donxoanismo e demais coleccionismos exhibicionistas de galería patriarcal.
Mais, como xa acreditou Asimov en A medición do universo, ás veces si o tamaño importa. Importa a distancia á que nos movemos a redor do sol. O diámetro da Terra. As mareas e a temperatura, o grosor da capa de ozono e o cantidade de aerosoles e gases de efecto invernadoiro que emitamos. Importa o abuso das materias non renovabeis, o despilfarro, o tamaño do salario que nos pagan por obrigarmonos a donarlle en pago o noso tempo de vida ás transnacionais.
Importa a fame creada intencionalmente polo sistema capitalista e bíblico da parábola dos talentos, aquilo de darlle máis aínda ao que máis ten! Importa o tamaño do aluguer do piso e das súas mensualidades, o abuso das tarifas da luz, a auga, o saneamento, a recollida do lixo... Importa e motísimo de onde é que vén o que comemos e cómo e en que condicións laborais e sociais se produciu. Importa non escoller as froitas de verniz escintilante nas tendas. Desprezar as bulsas de plástico que nunca son de balde para os mares e as tartarugas.  Importa o tamaño das superficies e a distancia que tivo que percorrer un producto para chegar a nós. Canto menos tamaño, mellor que mellor. Importa e moito a quen llo mercamos e por qué. Importa cómo eduquen á seguinte xeración anque eu non teña fillos. O tamaño e calidade da educación emocional. Importa o tamaño das casas e a súa arquitectura respectuosa co medio. O monstroso tamaño do abuso das corporacións financeiras e dermoestéticas a resgatar con fondos públicos para os petos privados de xa desproporcionado tamaño. Importa o tamaño dunha vida medida non só en duración senón en pracer, lecer, creatividade, liberdade, fondura...!
En fin, que somentes o tamaño importa cando falamos do corazón, da potencia dos latexos acompasados, da eleutricidade e enerxía cooperativa que señamos quen de xerar. Cando falamos da xustiza e da equidade, da sinerxia e da empatía, do tamaño da ollada bicuda e serea que apousa no relanzo das fragas e na sombra das mans das faias. O tamaño da pel que sente e do arume que se espalla, harpado e lírico, dende o pasado que enraiza e o mañá que batuxa en cada onda do mare. O tamaño da adicación ao outro que acariña e palpuxa nun intre eterno. O chisco do amigo nun pálpito de luz mencida e ese largacío val desbotado polas hidroeleutricas, bravo e ventoso cunha morea de casais ao abeiro do tamaño dos mercados!

 

O TAMAÑO IMPORTA?

Te puede interesar