Centro de Interpretación

Hai uns días atopeime cunha amiga que me preguntou si eu sabía algo sobre  o Centro de Interpretación que teoricamente íase a poñer en marcha en Mugardos cos materiais dos asentamentos romanos localizados no terreo onde na actualidade atópase a planta de gas.  Nada sei, pero isto doume pe para reivindicar o proxecto. Na nosa vila houbo asentamentos castrexos –creo que están inventariados máis dunha ducia– nos que non se efectuaronescavacións arqueolóxicas sistemáticas e xa que logo a inmensa maioría deles están abandonados e destruídos. Os historiadores manifestan que algúns deses castros foron utilizados baixo a dominación romana, ata que pasado un tempo aquela xente comezou a construír os seus propios habitáculos que se estenderon polo noso litoraldos que si quedan vestixios que foron escavados e estudados. Os máis salientables son a chamada “Vila de Noville” e o xacemento de “Caldoval”, este datado no século I ou II  da nosa era e aquela no III e IV da mesma época. Na Vila de Noville fixéronse escavacións xeofísicas, pioneiras na arqueoloxía galega e no xacemento de Caldoval as escavacións semella que foron financiadas pola empresa Reganosa en cuxos terreos atópase o asentamento e hoxe tamén as pezas achadas nestas sondaxes. Pero disto saben moito máis ca min os estudosos nestas materias e se queren vostedes abondar mais neste tema remítovos aos estudos realizados por A. Carneiro e Miguel Rodríguez que publicaron nun libro moi interesante sobre a Historia de Mugardos editado polo Concello que xa vai na súa terceira edición.
E paso agora á reivindicación aludida máis arriba e que da título a esta colaboración: O Centro de Interpretación que supoñería un empurrón cara adiante para colocar a nosa vila no mapa das poboacións que teñen algo mais que ofrecer ca súa natural beleza. Ata onde eu chego sei que os terreos están dispoñibles preto do Instituto, que o deseño estrutural do “Centro” tamén está feito por un estudo de arquitectura  e que tamén existe o compromiso,  non sei se asinado, supoño que si, de Reganosa para financiar a súa construción. Se isto que estou a expor é verídico, non chego a entender cales poden ser os impedimentos que demoran de semellante maneira os comezos desta obra que podería ser emblemática para o pobo de Mugardos. Si, xa todos sabemos aquilo de que as cousas do “pazo” van paseniño e que moitas veces –máis das desexadas– proxectos interesantes coma este, están durmindo no fondo dun caixón esperando que chegue alguén e os rescate.
Poderíamos tamén recorrer á tan socorrida crises, pero non creo que este sexa o problema: a cuestión é que alguén coa sensibilidade suficiente retome este tema e trate de levalo polo camiño axeitado. E non cabilo en ninguén  para reactivaloque non sexa dende ogoberno municipal que é dende onde se pode acelerar este proceso co gallo de poñelo de novo en marcha e en valor. O ideal sería que o Centro estivese no lugar onde se atopan os xacementos, pero diante da imposibilidade de que sexa “in situ”, ben será reproducir a planta desas vilas baixo un teito protector e crear un museo con todas as pezas que arestora dormen nun almacén. Co letargo producido, da a impresión de que o tema xa non interesa. A esperanza, din,  é o último que se perde, pero tamén remata perdéndose cando o tempo pasa sen que pase nada máis. Dende aquí hoxe eu o recordo e pregunto que é o que está a acontecer? A ver se atopo resposta.

Centro de Interpretación

Te puede interesar