A Igrexa non é unha relixión

Non faltarán seguramente algúns lectores que se sorprendan por esta afirmación. Para eles a Igrexa foi sempre unha relixión. E para os que naceron antes da chegada da democracia á España, a Relixión Católica era a única, válida e verdadeira, de obrigado cumprimento, polo menos durante a ditadura franquista, por referirnos só a un pasado inmediato. Pero as cousas ás veces cambian. E, excepcionalmente, tamén o fixo a Igrexa, como pasou co gran impacto causado pola celebración do Concilio Vaticano II, convocado por Xoán XXIII. Este Concilio entreabriu as portas da Igrexa para dar entrada ao aire renovador. Pero morto o Papa, faltoulle tempo á Curia Vaticana para poñer freo ás reformas, que tardaron pouco en paralizarse. E con elas perdéronse tamén as ilusións de moita xente esperanzada coa nova orientación marcada polo Concilio. O Estado Vaticano, símbolo de poder e de dominio relixioso, debería desaparecer tal como está configurado actualmente. Trátase de unha antigalla medieval que está contradicindo os valores de sinxeleza e de pobreza que ofrece o Evanxeo, os mesmos que agora o papa Francisco intenta poñer en valor. A Igrexa Católica debe cambiar radicalmente, empezando por deixar atrás a marxinación das mulleres no acceso aos ministerios acaparados actualmente polos varóns. Porque a novidade Evanxélica, mensaxe de sinxeleza, consiste en deixar atrás a imposición e a forza, varrendo as diferencias entre homes e mulleres. Diferencias asumidas por razóns acentuadamente relixiosas, relacionadas co período menstrual feminino que era cualificado de impuro, o que impedía que as mulleres puideran subir ao altar. ¿Por que digo que a Igrexa non é unha relixión? Porque a Igrexa é filla do Evanxeo e o Evanxeo non é un libro de relixión. Hai pouco tempo que un gran teólogo español, Xosé Mª Castillo, amigo moi estimado do papa Francisco, escribiu un libro que leva por título: “A Igrexa non é unha relixión”. Xesús non mantiña relación co Templo nin cos seus sacerdotes. Foron estes, precisamente, revestidos de poder relixioso, os que o condenaron a morrer na Cruz como blasfemo, acusado de atentar contra o Templo, institución sagrada do pobo xudeu. Pero un cristianismo convertido en relixión aparece deshumanizado, algo que veu sucedendo con frecuencia ao longo da historia da Igrexa.

A Igrexa non é unha relixión

Te puede interesar