O mito da Galicia subsidiada

PP e PSOE, canda determinados voceiros radicados nunha visión centralista e dependente, sementaron con certo suceso o mito da Galicia subsidiada. Segundo esta tese vivimos da caridade do Estado e o que compre é pedir sempre solidariedade. O prezo por esa caridade sería non facer moito balbordo nin confiar nunha Galicia próspera dende a nosa iniciativa empresarial e civil.
Estes días a prensa galega denuncia o que xa manifestou a plataforma galeguista Somos Nós na pasada primavera, canda a precampaña das locais. Os concellos galegos reciben dos fondos estatais só o 3% (menos de 583 M€ sobre uns 17.600 M€), cando por poboación haberíamos recibir case outro tanto. Cando menos 500 M€ que nos substráe o Goberno central. Porque  o lexislador español despreza o avellentamento e o espallamento da nosa poboación e só considera o número de habitantes de cada concello. Dándolle máis diñeiro porcentualmente ás cidades e pobos grandes, seguindo aquela máxima mesetaria: “cabalo grande ande ou non ande”. Solución: a de sempre, que nos dean  o noso (é dicir uns 1.100 M€/ano) e xa o repartirá o Poder Galego como acordemos. Algo de solidariedade viría ben, tendo en conta eses dous factores poboacionais que sofrimos. Pero no financiamento local até de agora somos nós os que lles achegamos aos outros.
Canto ao financiamento autonómico, o Orzamento da Xunta non acada os 9.000 M€, mentres que a recadación fiscal da Axencia Tributaria estatal na Galicia no 2015 andará polos 12.400 a 12.500 M€. A diferenza non a valen os servizos que lle presta o Estado a Galicia, bastante residuais, fóra da cobertura do desemprego. Expertos universitarios fixaron o déficit fiscal do noso País no 2012 nuns 1.460 M€. Se a estes cartos lles engadimos os máis de 500 M€ de déficit en financiamento local teríamos 2000 M€ máis ao ano Un 22% máis para o Orzamento da Xunta de cada ano. Máis de 750 €/ano por cada persoa residente en Galicia. 
 Sn contar con que pagamos máis cara a enerxía eléctrica, malia producir nós esa enerxía cun elevado custo ambiental. Porque sofrimos unha tarifa que beneficia aos territorios non produtores de gran consumo doméstico, como Madrid.
Cumpriría irmos botando abaixo o mito da Galicia subsidiada, comezando polo ámbito das pemes e profesionais, que serían dos máis interesados nunha Galicia autogobernada.

O mito da Galicia subsidiada

Te puede interesar