evo denunciando máis de catro anos a incapacidade das esquerdas para artellar unha coalición progresista de goberno canda as forzas soberanistas e territoriais das distintas nacións e rexións do Estado. Porén, recoñezo que a alternativa da dereita extremista e trifásica, do españolismo do “a por ellos”,é moito peor. Mais compre recoñecer que a estrutura do novo Goberno, con 22 departamentos é desaquelada, como todas as dos anteriores Gobernos do Estado dende fins do século XX, logo da grande descentralización de gasto e xestión operada nos últimos vinte anos do século devandito.
Créase un Ministerio de Consumo para a cota de Podemos, cando todas as competencias están transferidas ás Administracións autonómicas. Mesmo engadíndolle as competencias de xogo, até de agora en Facenda, fica o Departamento no absoluto baleiro, pois que a normativa urbanístico-territorial, administrativa xeral e fiscal que ordena o sector do xogo é de competencia autonómica. Sanidade e Educación non teñen competencias de xestión e executivas reais, só as da lexislación básica. Traballo só retén competencias normativas, a xestión e execución son autonómicas. Cultura e Deporte están transferidos na súa case totalidade. Vivenda está transferida na súa totalidade, canda moita parte das políticas transversais de Igualdade.
22 Departamentos, 17 Delegados de Goberno e máis de 60 subdelegados canda o resto dunha Administración periférica do Estado totalmente prescindíbel. Dende a realidade dunhas Administracións locais e autonómicas próximas á cidadanía e do imperio actual das novas tecnoloxías, os devanditos Delegados e Subdelegados haberían ser suprimidos. Mais esta decisión ven dun Goberno que, teoricamente, acredita no afondamento do Estado autonómico, como ven de se comprometer co BNG e PNV para a substancial ampliación dos autogobernos. Xa que logo, as grandes duplicidades Administrativas que existen, por mor do sobredimensionamento da Administración do Estado, só se entenden para contentar os intereses burocráticos de todos e cada un dos partidos estatais: colocar cantos máis cadros mellor. O esquema orgánico deste Goberno xera gasto improdutivo, duplicidades administrativas a eito e vai contra a corrente xeral dos países modernos, que apostan por xestionar e gobernar en rede e horizontalmente, no canto dos vellos esquemas centralistas dun único cerebro que coñece todo, pode con todo e é quen de mandar en todo.